A Xunta, a través de Augas de Galicia, iniciou un expediente sancionador ao Concello de Cangas con relación «á desatención dos requirimentos feitos en materia de vertidos de augas residuais», o que pode supoñer unha sanción de ata 5.000 euros.
Segundo explica o ente autonómico, o Plan de Control de Vertidos levou a cabo en xuño unha inspección na Avda José Graña, constatando un vertido de augas residuais na desembocadura do río Orxas na ría de Aldán, procedente das instalacións municipais de saneamento ubicadas nese lugar.
Dadas estas circunstancias, Augas de Galicia requiriulle ao Concello a adopción de medidas para o cese ou corrección dos vertidos denunciados. Posteriormente, en xullo, o Concello presentou un informe indicando que non se atopou ningún defecto nas instalacións municipais, entendendo que se tratou dun feito puntual.
Os técnicos do Plan de Control de Vertidos, explican, realizaron novas inspeccións nos meses de agosto e de setembro, constatando a continuidade do vertido denunciado e reiterándolle, polo tanto, o requirimento ao Concello. Tamén o Seprona formulou a correspondente denuncia, achegándolle coñecemento formal á Administración local.
Vistos os mencionados antecedentes e ante a falta de resposta por parte do Concello, aseguran dende a Xunta, na atención dos requirimentos efectuados, que contemplan especificamente vertidos procedentes da rede municipal de saneamento, a Xunta procedeu a iniciar o citado expediente sancionador.