Concelleira e emprendedores nas instalacións do Parque Azul.

A concelleira de Promoción Económica, Beatriz Rodríguez, estivo con Manuel e Jose, emprendedores de Club Management Group, que levan desde novembro usando as instalacións do Parque Azul para impulsar a súa actividade empresarial

A familia de proxectos emprendedores que atopan no Espazo Emprendedor de Marín do Parque Azul un lugar desde o que impulsar os seus negocios segue crecendo. Esta mañá, a concelleira de Promoción Económica, Beatriz Rodríguez, visitou as instalacións municipais para dar a benvida á nova empresa que se asentou no Espazo a finais de novembro: Club Management Group.

Rodríguez quixo coñecer de primeira man a que se adica esta nova empresa, creada por Manuel e Jose, e que ten no eido deportivo o seu campo de traballo. “Xestionamos clubs deportivos, ofrecendo solucións a nivel dixital, administrativo tamén a nivel de campo, tecnificación, adestramentos…”, explican.

Utilizando novas formas de comunicación, como os podcasts, e as útimas tecnoloxías, están a captar o interese de moitos clubs, como xa é o caso do Marín CF e outros equipos da provincia, “e esperamos seguir crecendo”.

Ambos coinciden en que no Espazo, no que poderán estar ata un máximo de dous anos gratuitamente, “aforramos un custo que normalmente temos os autónomos e podemos aproveitar todo o espazo que nos brinda para seguir avanzando nas distintas liñas de traballo”.

A concelleira, pola súa banda, opina que é positivo “seguir facendo crecer este espazo, porque entre proxectos emprendedores sempre xorden sinerxias que finalmente benefician a todos”.

5 espazos dispoñibles para lanzar ou afianzar unha idea de negocio

Con esta empresa, son tres as firmas instaladas no Espazo, polo que hai aínda 5 espazos dispoñibles. Tal e como se recolle nas bases, poden optar a estar no Espazo tres tipos de iniciativas empresariais:

  • En proxecto: constituídas nun máximo de tres meses desde a súa instalación no Espazo Emprendedor
  • Novas: que se constitúan no momento de entrada do Espazo Emprendedor
  • Recentes: cun máximo de dous anos de antigüedade antes da súa instalación no Espazo Emprendedor ademais de ter o espazo gratuitamente, inclúense servizos como liña telefónica e Internet, zonas comúns con espazos de reunións; limpeza e mantemento. As bases poden consultarse completas en www.concellodemarin.es e tamén pode chamarse ao Axente de Emprego e Desenvolvemento Local, no teléfono 886204352 ou no mail aedlmarin@concellodemarin.es

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *