Vilaboa volverá este ano a ser epicentro do entroido co seu tradicional `Entroido de Cobres´, un dos máis coñecidos do sur da provincia de Pontevedra e con maior tradición. Aínda que durante esta fin de semana abriuse boca con bailes de presentación nas parroquias de Vilaboa, o prato forte espérase a próxima fin de semana. O 26 de febreiro ás 10:00 horas haberá un percorrido polos barrios e ás 19:00 horas espérase a chegada e actuación das comparsas na carpa de Riomaior. Para rematar o día, a partir das 21:30 horas, gran festa de apertura con Assia e a sesión de DJ Charlie.
Ao día seguinte o domingo 27, o entroido volve pasear polos barrios para, novamente, ás 19:00 horas, regresar a Riomaior a media tarde. A noite, neste caso corre a cargo de Beber e Cantar, Marcelo DoBode e Víctor Movilla. O luns repítese o programa diurno pero a noite está reservada para o Trío Azar e Xtra.
O 1, Martes de Entroido, percorrido polas parroquias durante a mañá e desde as 17:00 horas Corrida do Galo presentada polo humorista Rafa Durán. O fin de festa é para Son das Tabernas.
En caso de choiva haberá unha gran carpa.
Desde a Asociación Cultural Cobres Vilaboa, organizadora do programa de Entroido en colaboración co Concello, piden responsabilidade e que se respecten as medidas de prevención contra o Covid-19 para gozar do entroido de forma segura.