As protestas de hoxe, convocadas polos sindicatos CIG-Ensino, STEG e CSIF, como punto de partida dunha serie de accións que pasan por concentracións nas grandes cidades, unha manifestación nacional en Compostela e unha nova xornada de folga o vindeiro 28 de novembro se a Consellaría non rectifica reafirmaron o sentir maioritario do colectivo docente, farto de ser desprezado, de non recuperar os dereitos perdidos de que non se acometa unha baixada de ratios xeralizada en todas as etapas educativas e medidas concretas para reducir a burocracia, á vez que reclaman retribucións xustas e lineais para todo o profesorado independentemente da súa antigüidade ou do cargo que ocupe.
«Logo do éxito da folga do pasado 24 de outubro e da asistencia masiva á manifestación, que foi das máis numerosas pola defensa do ensino público dos últimos 20 anos, o profesorado continúa con accións de presión para conseguir melloras para todo o persoal docente e para o conxunto do ensino público», manifestan dende o sindicato.
A través das concentracións de hoxe en numerosos centros de Moaña, Cangas e Bueu manifestouse «o profundo malestar que ten o profesorado coa oportunidade perdida que foi a negociación pechada en falso e o acordo de renuncias resultante, ben por consideralo insuficiente ou porque directamente non incorpora ningunha medida da que se vaia beneficiar», expoñen. Manifestan, ademáis, «que non van quedar cos brazos caídos, demostrando que nin se venden, nin se renden».
Á espera da resposta da carta conxunta ao conselleiro instándoo a recibir a maioría
sindical que representan estas tres organización (o 60% do profesorado) e a abrir
novas negociacións que superen o “acordo de renuncias” as outras accións de presión
convocadas para o do mes de novembro en Vigo e en Santiago e «se non hai ningunha
rectificación por parte da Consellería de Educación en todo este tempo» anuncian folga xeral para o martes 28 de novembro.
«Trátase dunha demostración de forza por parte dun colectivo docente que non pode agardar nin un minuto máis en recuperar os dereitos perdidos», mantén o sindicato. A estas mobilizacións está chamada toda a comunidade educativa, é dicir, profesorado, familias e alumnado.