Deseño do novo skate park do Parque Azul.

A Xunta de Goberno Local aprobou esta semana solicitar unha subvención por valor de 38.705,912 euros á Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, coa finalidade de poder sacar adiante un dos proxectos que consideran esenciais para a actividade cultural urbana de Marín: a remodelación e mellora do skatepark do Parque Azul.

Este importe que se solicita para a liña de subvencións que o ente autonómico ten habilitada para a reforma de espazos deportivos municipais suporía o 80% da financiación do importe total da obra, que ascende a 48.382,39 euros

A alcaldesa, María Ramallo, explica que nos últimos meses “traballamos en ter este proxecto listo”, pero agora toca a segunda fase, que é acadar a financiación abondo para poder levalo adiante. “Sabemos que esta infraestrutura é moi utilizada pola mocidade de Marín e por outra que acude á nosa vila desde outros puntos da comarca, por iso queremos que sexa unha área de ocio e cultura urbana mellorada”, explica a rexedora.

Tal e como se pode ler no proxecto, repararanse todos os módulos de formigón e das bancadas e substituirase a reixa de recollida de pluviais. Tamén se limparán os muros e o peche perimetral do parque.

Volverase pavimentar todo a lousa do chan e cambiarase a varanda metálica. En canto aos módulos de aceiro que hai sobre as actuais escaleiras, serán retirados para realizar dous novos en formigón. A maiores, colocarase nova iluminación en todo o paso subterráneo de acceso ao parque.

Agora, esperarase á resolución da subvención que, no caso de ser concedida, permitirá arrancar coa licitación da obra para poder executala á maior brevidade posible.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *