Un dos obxectivos será a mellora das instalacións e a incorporación de elementos lúdicos accesibles e útiles para nenos e nenas con mobilidade reducida
O parque infantil da Alameda é o espazo de lecer para os pequenos da casa máis utilizado da vila. A súa localización céntrica e as súas dimensións, fan que esta área lúdica sexa a escollida por unha gran parte das familias para traer os seus fillos e fillas a xogar e socializar. Precisamente, debido a este intenso uso, tanto o chan do parque como os elementos de xogo sofren con maior rapidez os desperfectos e as problemáticas asociadas ao paso do tempo e á utilización.
Neste contexto, o Concello debe realizar labores de mantemento e de reparación continuas, que supoñen unha importante suma de inversión para que, a pesar de todo, este parque siga xerando problemas no estado dalgúns dos seus xogos. É por iso que o Concello encargou un proxecto de remodelación integral deste parque, coa finalidade de renovar todos os elementos do mesmo, poñéndoo finalmente a punto e permitindo garantizar seguridade nos xogos dos rapaces e rapazas.
A concelleira de Parques e Xardíns, Cristina Acuña, acompañada pola concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, mantivo esta mañá unha reunión co redactor que está a elaborar este proxecto, no que se primará a seguridade dos xogos a escoller e sobre todo a inclusión, de tal xeito que exista unha importante variedade de elementos que sexan accesibles e utilizables por nenos e nenas con mobilidade reducida.
Unha aposta polo ocio infantil
O Concello está a apostar de maneira moi importante pola dotación á nosa vila de espazos de esparexemento para os máis pequenos, que sexan atractivos, con xogos novos e que cumpran con todos os estándares actuais. Entre as áreas recreativas máis novas destacan os dous parques infantís creados no Lago de Castiñeiras, unha contorna idílica para a que se escolleron elementos que conxugasen ca paisaxe.
Por outra banda, tamén foi renovado hai uns anos o parque infantil do Parque Eguren, e agora, coa remodelación do Paseo Alcalde Blanco, instalaranse xogos de agua cos que os máis pequenos poderán gozar do principal punto de unión de Marín co mar.