Unha das parcelas para os novos parkins.

Prepararanse dúas parcelas que permitirán dispoñer de máis de 100 prazas de estacionamento en pleno centro da vila

O centro urbano de Marín ganará nas próximas semanas máis de 100 novas prazas de estacionamento público gratuíto coa dotación de dúas novas balsas de aparcadoiro na Rúa Inferniño, xusto no inicio da subida cara ao Cemiterio.

Así o anunciou esta mañá o Goberno local, que explica que se trata de dúas parcelas de 2.700 metros cadrados entre ambas, que serán xestionadas coma o resto dos aparcadoiros do Concello: a través dun contrato de aluguer.

Nestes momentos, xa está en marcha o traballo administrativo para formalizar eses contratos coas persoas propietarias e o Concello está traballando cos técnicos para coordinar os traballos de acondicionamento e así poder, nas próximas semanas, habilitar estas novas prazas de estacionamento.

Desta forma, xunto co novo aparcadoiro de José del Río, o Goberno local suma máis de 125 prazas de estacionamento libre e gratuíto en pleno centro, a escasos minutos dos lugares máis importantes: comercios, Praza de Abastos, Concello, Alameda, Museo, Parque Eguren…

O obxectivo, tal e como se traslada desde o Goberno local, é seguir buscando e analizando parcelas que poidan cumplir con esta función. Desta maneira, anímase a calquera persoa propietaria que estea interesada en poñer a disposición o seu terreo a que contacte co Concello, para que así os servizos técnicos municipais poidan estudiar a viabilidade da proposta.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *