Desde a Concellaría de Festas, destacan tamén o importante traballo da Comisión de Festas, que se encarga de todas as actuacións musicais, das prefestas e das actividades infantís
No calendario festivo de Marín, as Festas de Loira son unha data ineludible, chea de maxia e de diversión. Pasado o día, desde o Concello fan un balance “moi positivo” dunha festa “na que o o Concello fai unha inversión de máis de 20.000 euros para pagar os fogos de artificio, a limpeza, os baños portátiles e o plan de emerxencia e seguridade”, explica o Goberno local.
Así a todo, “esta festa non sería posible sen o traballo e a implicación da Comisión de Festas”, aseguran desde o Concello, “que se encarga de todo o que ten que ver coa animación musical (as charangas, batucadas, a orquesta, o DJ…) e das actividades infantís que se organizan durante a xornada”. Ademais, este ano a comisión impulsou dúas prefestas que tamén funcionaron moi ben.
Actuacións na baranda de protección do paseo
Por outro lado, o Concello lembra que debido á gran afluencia que recibe o paseo de Loira no día dos fogos, xa se traballou previamente na inspección e control da seguridade da baranda que o arrodea.
Unha empresa externa encargouse de realizar este control, corrixindo algúns desperfectos nas xuntas, pero certificando que a nivel estrutural está todo correcto.
Aínda así, colocáronse carteis de disuasión para que a xente non se subira e sentase nela, xa que é unha baranda de peche dun paseo, non unha estrutura para aguantar un peso considerable.