A concelleira Marián Sanmartín está dacordo en que están a ser unhas obras “moi molestas, pero moi necesarias” e insiste en que desde o inicio de curso trátase de coordinar coa empresa que non haxa tráfico de maquinaria pesada nas franxas horarias de entrada e saída do alumnado
O Concello de Marín expresou esta mañá a súa comprensión ante as demandas das familias do alumnado do CEIP Sequelo, que están a convivir coas obras de renovación do colector do Río Lameira que está a realizar Aguas de Galicia.
A concelleira Marián Sanmartín explicou que se trata dunhas obras “moi necesarias, porque son clave para o saneamento de toda a vila, pero entendemos que xa levan dous anos de execución, sobre todo agora, que están xustamente afectando ás días entradas do centro educativo”. Ademais, neste momento
sumáronse outras dúas obras: unha propia do centro educativo, a de instalación dun ascensor, e a da mellora enerxética do Pavillón do Sequelo, promovida polo Concello. A istó, súmase que houbo que retirar a pasarela de madeira que unía as dúas entradas do colexio polo seu mal estado e porque a obra contempla a creación dunha nova senda peonil máis segura pola outra beira do río.
“Ao coincidir en tempo todo isto, a realidade é que hai dificultades, pero iranse resolvendo nos próximos meses. Nós tamén queremos que as obras avancen, pero son complexas e agora están aproveitando ao máximo que non chove para actuar no propio leito do río”, indicou a edil.
Desde o Goberno local, seguiranse aplicando as mesmas medidas que se impuxeron desde o inicio de curso: máis presenza policial para garantir a seguridade dos máis pequenos e a coordinación coa empresa para que non permita o paso de maquinaria pesada nas franxas de entrada e saída do alumnado.
Ademais, estase traballando con Educación para facilitar as entradas ao centro ás familias.