Cerca dun centenar de persoas acudiron a un acto cargado de emotividade e que foi “o comezo da recuperación do litoral do municipio de Vilaboa”
Cun acto sinxelo pero cargado de emotividade, o Concello de Vilaboa inaugurou o recuperado entorno do Forno do Cal, un recuncho que ata hai uns meses estaba oculto pola maleza e que esta mañán luciu todo o seu potencial para converterse nun punto de encontro veciñal. O goberno local cedeu o protagonismo ás persoas que traballaron no Forno da Cal, representadas no acto polos seus familiares, e que centraron a intervención de César Poza, alcalde de Vilaboa que comezou recordando que o investimento na recuperación deste elemento patrimonial “é unha actuación que pensa no futuro pero que mira ao noso pasado. Con ela quixemos renderlle homenaxe as mulleres e homes de Vilaboa, fundamentalmente de San Adrián e Santa Cristina de Cobres, que no século pasado traballaron aquí, na Caleira”.
O traballo documental da comunidade educativa de O Toural e as aportacións do Museo
Etnográfico de Ribadavia, con especialista na historia da cal en Galicia, foron a base do proxecto que permitiu a rehabilitación do Forno da Cal e cuia aportación foi agradecida pola concelleira de Dinamización, Carmen Gallego, na súa presentación e polo alcalde na súa intervención, agradecendo a súa asistencia ao acto.
Poñer en valor o seu duro oficio e visibilizar o traballo das mulleres que na historia moitas veces queda oculto detrás do traballo dos homes é un dos obxectivos deste entorno. “E xa que falamos da memoria do noso pobo, quero amosar o profundo agradecemento do Concello aos veciños e veciñas e as familias daquelas persoas que traballaron aquí nesta caleira e que nos ofreceron a súa testemuña para contar a historia de Vilaboa a través desa magnífica recolleita que fixo o alumnado do Toural e que hoxe podemos ollar aquí nos paneis divulgativos e na realidade virtual, que nos axuda a traer ao presente un anaco da nosa historia pasada”, indicou César Poza.
“Desafortunadamente chegamos tarde para traballadores que xa non están entre nós pero aínda temos testemuñas de persoas que hoxe están aquí coas súas familias e tamén están con nós as familias dos que xa non poden acompañarnos. Hai persoas que teñen dificultades de mobilidade e non poden estar hoxe, a todas elas enviámoslles o cariño e profundo recoñecemento e respecto do Concello e de toda a veciñanza”, explicou o alcalde.
O proxecto do acondicionamento e rehabilitación financiouse con fondos europeos, do Estado, da Xunta e do propio Concello, é dicir, con aportacións de tódalas administracións a un proxecto que presentou o Concello diante do GALP-RÍA DE VIGO e que foi seleccionado para executar en dous anos. O investimento total foi de 120.000,00 euros, aportando o Concello 27.000,00 euros e o resto as demais administracións.
O alcalde agradeceu a colaboración da Comunidade de Montes de San Adrián coa cesión de terreo para a mellora da contorna, e extendeu este recoñecemento á Confraría de Pescadores, á Asociación de Mulleres de Vilaboa e ao colexio de Riomaior. Tivo tamén palabras de agradecemento da empresa Pesca Puerta, que cedeu o uso ao Concello e anunciaron unha visita ao Forno do Cal o vindeiro mes de marzo.
César Poza aproveitou a súa intervención para anunciar as liñas de traballo do goberno local cara o futuro no litoral. “Este é o inicio dun soño que teño como alcalde e que espero acadar algún día, que é recuperar todo o borde litoral do noso Concello para o uso e desfrute da cidadanía, que poida a pé ou en bicicleta percorrer o camiño do cal ao sal, é dicir, conectar a Ponte de Rande con Paredes pola costa, para que todos os veciños e veciñas e as persoas que nos visiten poidan desfrutar das fermosas e incomparables paisaxes que Vilaboa ofrece neste recuncho da Ría de Vigo”.
O acto rematou cunha actuación musical a cargo de Ceci e Miguel e permitiu que o centenar de persoas que se achegaron coñeceran os paneis instalados, con código QR que permite visualizar en galego, castelán e inglés un vídeo e un audio que contan a historia do Forno e como funcionaba a caleira cando estaba operativa, e tamén linguaxe en braille.