A concelleira durante a súa etapa de deputada anunciando un acto de Rosalía.

A concelleira e ex responsable provincial de Memoria Histórica María Ortega pide á Xunta un Plan de Usos e á Deputación que defenda o espazo “con sensibilidade, como fixo o anterior goberno provincial”

A concelleira de Memoria Histórica do Concello de Moaña e anterior responsable desa área na Deputación de Pontevedra,  María Ortega, esixiu hoxe a paralización da ‘festa pirata’ deste domingo na Illa de San Simón “por respecto ás vítimas”. A nacionalista, en contacto co colectivo da Iniciativa Galega para a Memoria (IGM), pide respecto á memoria das persoas que estiveron presas no campo de concentración franquista e chama á Xunta de Galicia a facer un Plan de Usos para o espazo que prime a súa función como lugar de memoria histórica democrática. 

Ortega subliña que a Illa de San Simón foi “un espazo de represión, tortura e terror para miles de persoas represaliadas polo franquismo polo feito de defender políticas contrarias ao réxime ditatorial do 36”. Afirma que nunca se debeu autorizar unha actividade como a festa pirata por parte da Xunta, xa que esta podería celebrarse en calquera outra localización sen ter que “pisar” a memoria das familias das persoas presas. 

Lembra Ortega que, a pesares de que San Simón está declarado BIC, non é a primeira vez que se organizan este tipo de  festas, xa que é habitual que empresas privadas desenvolvan na illa procuras do tesouro, festivais, ceas e todo tipo de celebracións e actos lúdicos que non son propios dun espazo con seu significado e simbolismo.

A actividade organizada para este domingo en San Simón que levantou a polémica é unha festa para asistentes VIP e ‘golden pass’ do congreso ‘+QBachata’ que se celebra a finais desta semana en Redondela. Na programación indícase que as persoas que asistan deben vestir cun ‘dresscode’ pirata. Ata o de agora, colectivos de memoria e o Concello de Redondela tamén se amosaron contrarios á celebración.

Ante esta nova “afronta”, a concelleira do Morrazo e deputada provincial subliña que a Xunta ten que poñer en marcha un Plan de Usos que o trate como lugar de memoria histórica democrática, e potencie as súas características naturais e culturais, dándolle o coidado e dinamización que merece, “con respecto e sensibilidade”.

Así mesmo, a deputada instou hoxe á Deputación a defender San Simón e a traballar en prol da memoria. Ortega considera que a Deputación de Pontevedra, como goberno que conta cun departamento propio de Memoria Histórica, non se pode poñer de perfil con situacións como a deste domingo. Lembra a nacionalista que, ata o de agora, ao goberno provincial non se lle coñecen actuacións nin iniciativas que potencien o movemento memorialista nin que defendan “a verdade, xustiza e reparación das vítimas”.

“Se realmente a área de Memoria non é unha simple ‘pose’ de cara á galería para o goberno provincial PP, se houbese alguén á fronte, saltarían as alarmas nun tema coma este. É necesario que Domínguez, que di ter unha sensibilidade persoal pola memoria histórica, dea a cara. Se, como todo o colectivo memorialista, el tamén pensa que San Simón non debe acoller actos frívolos, coa responsabilidade que ten na materia, debe facer forza para que a Xunta cancele a actividade”, di, lembrando a cantidade de iniciativas e protestas realizadas neste sentido polo anterior goberno provincial, co BNG á fronte.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *