O 23 de xuño ás 19:00h no Parque de San Bartolomeu terá lugar o espectáculo musical Xirarei cos Bolechas
No proxecto Xirarei cos Bolechas o Concello de Moaña xuntou a doce músicas e músicos vinculados coa nosa vila para crear cinco temas ao redor do libro “Os Bolechas van a Moaña” de Pepe Carreiro (Ed. Bolanda, 2018). Os Bolechas son personaxes de referencia para as crianzas galegas. Esta familia de ficción, coas súas innumerables historias publicadas, discos e audiovisuais, ten conectado coa nosa infancia máis que ningún outro recurso infantil de produción galega. Ademais a historia, que se desenvolve en diferentes espazos do concello moañés, ten un valor de promoción cultural e turística de Moaña.
Aproveitando o éxito que tivo entre a infancia o libro, que reforza unha imaxe positiva do uso do galego entre as crianzas moañesas, proponse potenciar
máis esa imaxe creando un contido audiovisual asociado. Preténdese achegar ás crianzas un recurso atractivo, divertido, na nosa lingua e moi, moi moañés. Nestes cinco temas, unidos nun audiovisual, aparecen persoas, lugares e momentos representativos do noso concello que servirán ás crianzas e ás súas familias para coñecer mellor a esencia de Moaña.
O proxecto musical está coordinado por María Faltri e Jorge Juncal, parella musical e veciña de Tirán, responsables tamén da creación dun dos temas e da gravación e produción de todos eles. Nel tamén participan outras importantes músicas e músicos vinculados con Moaña: Magín Blanco, Anxo Lorenzo, a asociación María Fumaça, Wöyza e a banda formada polos músicos de jazz Max Gómez, Juansi Santomé e Juanma Ons. Tamén participa na gravación o grupo de crianzas “A panda de Tirán”.
Os cinco temas están xa dispoñibles de forma gratuíta na web municipal, e poderá accederse tamén a eles a través dun código QR que aparece no libro, que pode comprarse na tenda virtual do Concello de Moaña.
1. Os Bolechas chegan a Moaña. Composto e interpretado por Magín Blanco
2. Xirarei. Versión soul interpretada por WÖYZA do mítico tema do moañés Xil Ríos.
3. Rechouchíos. Composto e interpretado por María Faltri e Jorge Juncal sobre a programación infantil do Concello de Moaña.
4. Intercéltico. Composto e interpretado por Anxo Lorenzo.
5. As Mariscadoras. Composto por María Fumaça e interpretado por Uxía Senlle, Chus Senlle, Ana Senlle e Raquel Senlle.
Concerto de presentación
O 23 de xuño ás 19:00h no Parque de San Bartolomeu terá lugar o espectáculo musical Xirarei cos Bolechas, coa presenza de todas as persoas involucradas no proxecto presentado pola actriz Iria Pinheiro. Nel, ademais de escoitar por
primeira vez en directo os cinco temas, as crianzas vivirán momentos únicos cos
clásicos da música infantil en galego de María Fumaça, Magín Blanco e Fantasía coas Palabras (Papi e Mami) nun concerto colaborativo cheo de sorpresas.
Este evento servirá para por remate á programación infantil do Concello de Moaña, os Rechouchíos, que durante as últimas seis semanas ofreceron teatro, monicreques e maxia ás crianzas moañesas.
Audiovisual
Durante o concerto do día 23 de xuño gravarase parte dun audiovisual co que se completará no mes de xullo o proxecto Xirarei cos Bolechas. No audiovisual, no que aparecen os cinco temas musicais unidos pola lectura do libro realizada pola actriz Iria Piñeiro, poderán verse tamén imaxes dos lugares de interese cultural e turístico do Concello de Moaña.
Estará accesible desde a propia web do proxecto, xunto cos cinco temas musicais.