O orzamento pechou positivamente en máis de 1,5 millóns, demostrando o equilibrio orzamentario e a boa saúde das arcas municipais
A saúde económica dun Concello é fundamental para poder garantir unha correcta xestión dos recursos públicos. O concelleiro de Facenda, Manuel Santos, aportou información relevante esta mañá en relación coa liquidación orzamentaria do ano 2024, da que se deu conta ao Ministerio.
No que respecta á liquidación do orzamento, acadouse un resultado positivo de 1.520.488,69 euros. En canto ao remanente de Tesourería para gastos xerais, os cálculos arroxan unha cifra positiva de 3.446.979,50 euros, que denota a saúde financeira e as posibilidades de inversión do Concello. Este aforro acadado ten dobre valor tendo en conta que no exercicio de 2023 contábase cun remanente de 1,5 millóns de euros que se investiu en poder aboar gasto corrente, pechando aquel ano en 290.000 euros.
Agora, “volvemos recuperar o aforro ata chegar a eses máis de 3,4 millóns de euros, mais tal e como está actualmente a lexislación a nivel estatal non é posible gastalos. Esperamos que se produza un cambio de normativa para poder investir estes aforros tanto nalgunha actuación estratéxica como para facer fronte ao gasto corrente, que sempre aumenta ano a ano pola suba dos prezos dos servizos”, explicou o concelleiro.