O municipio acollerá este festival literario que reivindica a literatura a través dunha atractiva posta en escena e un intenso programa cultural
Entre o 16 e o 18 de maio de 2025, fi n de semana das Letras Galegas, o Concello de Marín converterase en ‘Vila do libro’, transformando espazos emblemáticos do municipio en librerías temporais, en sedes culturais e ambientando as rúas da localidade en torno á literatura. A iniciativa e o seu logo, primeiro dos avances que se fan públicos, foi presentada esta mañá pola alcaldesa, María Ramallo, e a concelleira de Cultura, Marián Sanmartín.
Cultura, educación, arte e posta en valor de comercio de proximidade, son os eixos centrais deste proxecto que busca posicionar a Marín como referente cultural a través dun completo programa, que incluirá encontros con autores, mesas redondas, recitais de poesía, música e arte, entre outras moitas actividades deseñadas para todos os públicos.
O festival ‘Vila do Libro’, que acollerá Marín coincidindo coa celebración das Letras Galegas en Galicia, representa o compromiso do Executivo local coa promoción da literatura e coa dinamización cultural e social da localidade. Durante tres días, este municipio acollerá non só un intenso programa cultural, senón que ademais transformará os seus espazos nunha gran librería con diversos ambientes para reivindicar a literatura e, sobre todo, gozar de tempo de lecer en torno a esta disciplina cultural.
A medida que se achegue a data do festival, publicarase ofi cialmente o programa completo da iniciativa cultural que abandeira o Concello de Marín. Se ben, xa podemos avanzar que haberá unha especial homenaxe ás cantareiras e á poesía popular, posto que son as protagonista das Letras Galegas 2025.
O proxecto busca, ademais, a implicación do tecido cultural e asociativo de Marín, fomentando a colaboración con editoriais, centros educativos, agrupacións sociais, entre outros colectivos. Este evento é un circuíto cultural que busca reivindicar a literatura e a historia dos ofi cios do libro e que ten a capacidade de impulsar o turismo literario mediante manifestacións artísticas e literarias de distintas temáticas, implicando, ao mesmo tempo, ao comercio local e a outros sectores produtivos e sociais da localidade.