A Axenda Urbana de Marín está xa na súa fase intermedia de elaboración. Así o anunciou a alcaldesa, María Ramallo, que explicou que se está a levar a cabo a redacción deste documento, que supón unha folla de ruta que marcará as estratexias e accións que se queren executar no horizonte de 2030. Este labor de creación da axenda urbana está nas mans da consultora EOSA, que xa vén sendo o ente que axuda ao Concello na xestión doutros fondos extramunicipais, como son os Fondos DUSI, que requiren de importantes traballos burocráticos para tramitar todos os requisitos necesarios de cara a ser un municipio receptor desas axudas, que se traducen na posta en marcha de proxectos vitais para a nosa vila.
Entre os obxectivos estratéxicos que se recollen dentro da axenda, están a mellora da ordenación do territorio, a prevención do impacto do cambio climático, a xestión sostible dos recursos, a innovación dixital ou a mellora do acceso a unha vivenda.
Tal e como explicou Ramallo, “de aquí a finais de ano, adicarémonos a activar o proceso de participación que se inclúe na redacción desta axenda, tanto a nivel sectorial como de maneira aberta á cidadanía”.
Reactivación de Marín En Rede
Por outra banda, a alcaldesa informou esta mañá de que nas próximas semanas o Concello tamén reactivará a xestión da plataforma Marín en Rede, o espazo de visibilidade para a economía local de Marín, desde o que fomentar campañas de sensibilización de cara ao apoio ao comercio local.
“Acabamos de adxudicar a xestión deste espazo dixital durante un ano, porque sabemos que foi unha ferramenta de visibilidade e promoción do noso comercio e da nosa hostalaría durante a pandemia e cremos que a día de hoxe pode ser, de novo, unha ferramenta moi boa para seguir achegando os nosos locais e comercios á cidadanía de Marín e arredores”.