O Concello de Marín iniciou as obras de reforzo dun dos muros do río Lameira. Tal e como se pode ler na memoria de necesidade desta actuación, para o acceso ás instalacións educativas e deportivas do Sequelo, emprégase unha pasarela sobre o cauce deste río que, na actualidade, nunha das súas aletas, presenta desperfectos producidos polo efecto da auga e das raíces dunha árbore.
Por tanto, o Concello de Marín, de xeito preventivo para evitar posibles derrubamentos, comezou coa desmontaxe a retirada do muro que conforma a aleta existente, para así levar a cabo a excavación necesaria de cara á reconstrución da estrutura.
O novo muro será de 12 metros de lonxitude e de 1,90 metros de altura, realizado con pedra do país e reutilizando, na medida que se poida, a pedra xa existente, para respectar a integración paisaxística do muro na contorna.