O concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos, defendeu no Pleno da Corporación o correcto avance das obras do Auditorio que se están a executar na parcela portuaria da Praza de España e detallounos de xeito claro as razón que explican a necesidade de aprobar a solicitude da empresa para presentar un proxecto modificado.
Tal e como expuxo o concelleiro, existen dúas razóns sinxelas. Por unha banda, aínda que estaba prevista a aparición de auga, ésta se detectou a menos profundidade do que mostrou inicialmente o estudo xeotécnico. Esta cuestión non invalida que se puidese levar a cabo o proxecto do Auditorio tal cal, co soto que estaba proxectado. Sen embargo, levalo adiante suporía ter que traballar en función das mareas e podía comprometer os prazos de execución do proxecto, afectando á xustificación dos fondos europeos cos que está cofinanciada a obra, que vencerían a finais deste ano.
“Falamos dun soto de apenas 12 prazas de aparcadoiro, pensado para dar servizo aos artistas que vaian actuar. Por iso, decidimos non comprometer os prazos da obra e resolver esta situación habilitando nun futuro no exterior estas 12 prazas. Prescindir do soto non cambia nin o espírito nin a infraestrutura cultural que estamos proxectando”, explicou o edil.
A segunda razón é a aparición dunha antiga escollera na parcela do Auditorio. Esta estrutura implica un cambio nalgunhas partes da cimentación do proxecto, que pasarán a ser de micropilotaxe, tal e como indicaron os técnicos responsables da obra. Unha proposta de cimentación moito máis costosa da inicialmente prevista no proxecto e que supón un sobrecuste de aproximadamente 290.000 euros.
“A aparición de elementos nos terreos nos que se inician obras desta envergadura non é nada extraño”, explicou Santos. “O estudo xeotécnico é unha proba na que se fan ensaios do terreo no que se vai actuar, pero, dígase o que se diga, o 100% do que hai baixo as parcelas só é posible coñecelo cando se inician as escavacións”. Polo tanto o incremento do costedo proxecto ven determinado pola aparición desa escollera. Precisamente, a pesar da gran cantidade de ensaios que se realizaron previamente (tal e como se pode presenciar na documentación do proxecto), esta escollera non foi detectada porque discorre baixo unha gran reixa de pluviais que había na parcela utilizada ata o momento como aparcadoiro. “Pensar que nunha obra deste calibre non imos atopar coxunturas ás que temos que adaptarnos é non entender o que supón levar adiante infraestruturas relevantes”, declarou o concelleiro..
Sobre as dúbidas que suscitou noutros grupos o estudo xeotécnico, Manuel Santos mostrouse claro. “O estudo empregado non só é válido e profesional, senón que cubre máis superficie da que vai ocupar o Auditorio, chegando incluso ata a Escola Naval. Ademais, para máis inri, foi realizado para valorar un antigo proxecto no que se plantexaba un Centro de Ocio e con tres sotos para un aparcadoiro subterráneo, polo que os datos aportados valían perfectamente para plantexar unha única planta.
“O estudo xeotécnico claro que detectaba a presenza de auga no terreo e por suposto que forma parte do proxecto orixinal e está incluido no expediente administrativo que conta con todos os informes favorables tanto do concello como da Autoridade Portuaria, además doutras administracións”, recalcou o concelleiro. “Dicir o contrario é confundir á poboación e poñer en dúbida un traballo técnico ben realizado”.
Santos afirmou que “a obra do Auditorio seguirá o seu curso, avanzando, con rigor e cos equipos técnicos sempre volcados nela. A nosa parte é a da xestión e a de buscar solucións cando aparecen problemáticas, que aparecerán sempre en calquera tipo de obra deste calibre. Ese é o traballo que temos que facer e non poñer en dúbida constantemente un proxecto tan importante para Marín e para a súa cidadanía”. Lamentou que os grupos da oposición ás primeiras de cambio se desmarquen e non apoien unha infraestructura tan demandada para a cidadanía como é este Auditorio.
O proxecto modificado aprobado no Pleno servirá, por tanto, para recoller de forma técnica e oficial estes cambios na execución das obras, que seguirán o seu curso sen maior problema. Unha vez aprobada esta solicitude, redactarase o proxecto técnico e aprobarase o expediente polo órgano de contratación.