O Centro de Formación A Aixola, que xestiona a Consellería do Mar a través do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, iniciou no seu programa formativo de 2023 coa posta en marcha dun curso de modelado e sistemas de manexo do poliéster para a elaboración de pezas para embarcacións marítimas. É a primeira das oito accións formativas que se impartirán ata setembro na súa sede do porto de Marín e que supoñen máis de 1.900 horas de formación de carácter gratuíto.
En febreiro darán comezo as clases de velaría e acastillaxe, así coma o curso de confección e mantemento de artes e aparellos de pesca, que permite a obtención do correspondente certificado de profesionalidade. Ambos terán lugar en horario de mañá e estenderanse ata finais de maio. Tamén se iniciará en horario de tarde un novo curso de restauración de embarcacións en madeira que será de 400 horas lectivas e rematará a principios de xuño.
A formación en instalacións eléctricas para pequenas embarcacións de motor, con 300 horas de duración en horario de mañá, está prevista para marzo, mentres que durante o mes de xuño se impartirá unha formación no manexo de ferramentas de control numérico (CNC), de 60 horas lectivas e en horario de tarde.
Complementando estas actividades formativas, impartiranse dúas edicións do curso de prevención de riscos no sector pesqueiro e unha de inglés náutico con 50 e 90 horas lectivas, respectivamente. Coma de costume, esta formación compleméntase con cursos de busca de emprego e autoemprego para favorecer a inserción laboral de todo o alumnado. Destas accións poderán beneficiarse tanto operarios do sector pesqueiro como pescadores e profesionais do marisqueo, cónxuxes destes ou persoas con titulación ou certificado para traballar no sector. A inscrición para participar nesta programación formativa está aberta e pode facerse a través da páxina web da Aixola, onde é posible atopar mais información sobre os contidos dos cursos.
A especialidade do centro dependente da Consellería do Mar, cunha actividade cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), é o ensino baseado no traballo, combinando a preservación do coñecemento tradicional coa innovación. A metodoloxía, centrada no estudante e nas súas necesidades, é eminentemente práctica e permite unha formación sólida que deriva en altas taxas de inserción laboral do alumnado.