A coordinadora de Acción Feminista do BNG, Noa Presas, trasladou en Moaña o firme compromiso da formación nacionalista de desenvolver no ámbito municipal “un feminismo de KM0, próximo, participativo e pegado á realidade para transformala e para que as nosas políticas públicas sexan garantes de avance en igualdade”.
Nun encontro no Multiusos de Domaio, en Moaña, con concelleiras do Bloque, no que tamén participaron a alcaldesa da localidade, Leticia Santos, e a coordinadora da Executiva Nacional, Goretti Sanmartín, Presas defendeu “outra forma de facer política”, a que integra a perspectiva de xénero e aposta por poñer “lentes lilas” porque, segundo recalcou, “os concellos feministas non benefician só ás mulleres, benefician ao conxunto da sociedade”.
Neste sentido, fronte a modelos urbanos masculinos “impostos por gobernos que deixaron á marxe ás mulleres” e tomando como referencia o traballo da arquitecta brasileira Carina Guedes, subliñou a aposta do BNG por “trasladar a cidades, vilas e aldeas un feminismo de KM0, próximo, que defende a sustentabilidade da vida e os espazos para camiñar con seguridade e comodidade”.
Así pois, quixo reafirmar esta maneira de “facer política de proximidade en igualdade” desenvolvendo unha proposta asentada sobre catro eixos fundamentais: o primeiro, incrementar a participación política das mulleres, medrando nos gobernos municipais para reforzar esta mirada no ámbito municipal, detectar cales son as urxencias para mellorar a vida das persoas e racionalizar o espazo público tendo en conta as tarefas de coidados e de conciliación.
En segundo lugar, recalcou a aposta do BNG por non só potenciar que as mulleres teñan un papel fundamental na gobernanza dos concellos, “senón que as mulleres participen de maneira activa nas decisións e na vida pública da cidade, fundamentalmente no ámbito local”. Por iso, avogou por desenvolver mecanismos máis democráticos e participativos que, coa participación do asociacionismo veciñal, cultural e das e dos axentes económicos, contribúan a “trazar estes concellos feministas”.
De igual xeito, considerou fundamental traballar na visibilización das mulleres porque, segundo dixo, “cada vez que unha muller protagoniza o nome dunha rúa, cada vez que a súa historia se repite nun centro social, estamos a avanzar no feminismo e na recuperación da nosa propia historia” e, nesta liña, exemplificou co traballo que xa está a realizar o BNG en todos os concellos que goberna, como no de Pontevedra, onde mudou no seu rueiro o nome de Xoan Carlos I polo de Virxinia Pereira, a muller exiliada que defendeu os valores da liberdade e a defensa do País.
Por último, Presas apuntou ao “eixo verdadeiramente decisivo e transformador” que é a formulación do espazo urbano desde o feminismo. “O deseño de espazos seguros, pensados para a vida, para a mellor calidade das persoas que a habitan, espazos para camiñar, para gozar de espazos verdes e saudábeis e que respondan ás necesidades dos coidados, das crianzas e das persoas maiores, que habitualmente recaeron nas mulleres e que un urbanismo deseñado por homes que viaxan en coche esqueceu”, explicou. A coordinadora de Acción Feminista do BNG rematou facendo un chamamento ás mobilizacións sociais deste 8M para esixir “algo tan simple, pero tan necesario como recolle o noso lema: queremos todos os dereitos e querémolos xa”.
Pola súa banda, a coordinadora da Executiva Nacional, Goretti Sanmartín puxo en valor o traballo desenvolvido por mulleres do BNG de distintas xeracións e avogou por “abrir as portas dos concellos ao feminismo” para desenvolver políticas verdadeiramente transformadoras, mentres que Leticia Santos, a primeira muller que acadou a alcaldía de Moaña en 2015, asegurou que esta visión igualitaria e participativa do BNG transpira en todas as súas políticas municipais e remarcou a súa transversalidade, “porque para que sexan efectivas, esta visión debe impregnar todas as áreas de goberno”, concluíu.