O BNG de Cangas nun pleno.

A través dunha moción que se debaterá no pleno ordinario deste mes de maio, o BNG insta o goberno local de Cangas a convocar no prazo máximo de dous meses o Consello Municipal de Cultura. Un órgano no que participa a veciñanza, asociacións e entidades culturais do municipio que ten como obxectivo buscar solucións e deseñar as políticas claras e activas culturais que precisa o sector.

Nestes dous anos, explican no contexto da moción, e na situación de alarma sanitaria e peches forzados, este foi un dos «sectores esquecidos e prexudicados que non tivo unha resposta idónea, estudada e adaptada á realidade cultural do noso concello. Os cambios producidos no goberno, a inestabilidade provocada polos grupos de goberno e as novas responsabilidades adquiridas por corporativas con outras áreas complexas entre as súas funcións, provocaron desatención e ineficacia para atender con rigor e implicación cada unha das parcelas que decidiron aceptar».

A situación é «seria e preocupante» entre os colectivos e persoas directamente afectadas e coa «ausencia dun plan e políticas culturais claras e de futuro, os resultados poden ser desastrosos para un sector que move social e economicamente un gran número de veciños e veciñas, nunha situación actualmente precaria e sen apoios e solucións a curto prazo».

É por todo isto que desde o BNG de Cangas cren necesario activar a Comisión Municipal de Cultura, con reunións periódicas fixas, que canalice a participación da veciñanza, as súas asociacións e entidades culturais nesta área da actividade municipal e, a súa vez, como órgano consultivo do Concello na materia, cos fins de asesorar ao goberno municipal en materia de política cultural en todos os seus ámbitos, establecer unha canle de comunicación permanente entre o goberno, cidadanía, asociacións e axentes do mundo da cultura, favorecer a creatividade e a difusión dos valores culturais así como o aumento de oportunidades de expresión, contribuír a unha maior calidade, diversidade e coordinación na oferta de actividades culturais do municipio e fomentar o debate, diálogo e participación nos asuntos da vida cultural tanto locais como universais.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *