O BNG do Morrazo chama á veciñanza da comarca a participar das diferentes mobilizacións que terán lugar este domingo 13 de febreiro nas localidades de Moaña, Cangas e Marín. A Comarca do Morrazo, explica a formación nacionalista en boca do seu representante no Parlamento, o moañés Paulo Ríos, vive unha situación límite no que respecta á atención primaria e ao conxunto dos servizos de sanidade pública.
«Falta de persoal, milleiros de veciños e veciñas sen médicos, o traslado do servizo de urxencias da Casa do Mar de Moaña ao PAC de Cangas, o desmantelamento progresivo dos centros de saúde e consultorios das parroquias situadas no rural, como é o caso do centro de saúde de Seixo ou o consultorio de Santa Cristina en Vilaboa ou a falta dunha ambulancia de reforzo que precariza enormemente o servizo de urxencias na comarca, son algúns dos exemplos de como a Xunta de Galiza castiga á veciñanza do Morrazo, coa excusa da pandemia e xoga con algo tan importante como a nosa saúde», describen. Todos estes problemas, din, afectan tamén a concellos como Bueu, ao que tamén chamamos á participación, que ademais de adoecer de problemas similares a outros concellos, tamén ven comprometidos os seus servizos ante o desmantelamento xeralizado nos concellos veciños.
Após o traballo do BNG nas institucións locais e autonómicas «denunciamos o desmantelamento da sanidade pública co único obxectivo de favorecer á sanidade privada, folla de ruta do Partido Popular na Xunta de Galiza, e sumaremos forzas co conxunto da veciñanza, na xornada de loita que percorrerá a comarca do Morrazo este domingo, como facemos no conxunto do país como integrantes da Plataforma SOS Sanidade Pública».