Os aspirantes nas probas físicas esta mañá en Rodeira.

Sumaranse aos 15 que xa contratou o Concello no verán de 2022. Os 24, se non hai renuncias, comezarán nos seis areais con Bandeira Azul esta fin de semana

O Concello de Cangas xa ten aos 24 socorristas que necesita para cubrir as seis praias con Bandeira Azul, outorgada pola Adeac. Esta mañá realizáronse as probas físicas na praia de Rodeira e resultaron seleccionadas 9 persoas, unha delas muller (a única que se presentou), todas mozos residentes nos municipios da contorna.

Estas uniranse ás 15 que xa resultaron contratadas directamente polo Concello o verán pasado e que pertencen a unha lista que elaborou o anterior goberno local precisamente para ter unha bolsa de socorristas que lles permitise manter a Bandeira Azul en todos os areais xa que a presenza destes ‘salvavidas’ é imprescindible para ter izado o distintivo. Ademais de para garantir a seguridade dos bañistas nas principais praias de Cangas. No caso de que haxa renuncias, explicou o concelleiro de Medio Ambiente, Antón Iglesias, entrará a seguinte persoa da lista.

Mañá levará a cabo a tramitación administrativa correspondente destas nove persoas, cuxos servizos serán financiados a través dunha subvención autonómica, e espérase que xa estean activos nas praias o sábado. En canto ao izado das Bandeiras Azuis, manifesta Iglesias, aínda non hai unha data concreta para facelo aínda que será #cuestión de días, mesmo desta fin de semana, para encaixalo na axenda da alcaldesa.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *