Exterior do futuro edificio do centro de saúde de Sisalde.

A Consellería dá pasos para avanzar na execución do edificio, que supoñerá un investimento de 6 millóns de euros, agardando que o Concello de Moaña entregue os terreos para poder comezar coa construción

O novo centro de saúde de Moaña que a Xunta construirá en Sisalde e que supoñerá un investimento de seis millóns de euros, é un proxecto «á altura das necesidades» sanitarias deste concello. Así o describe a consellería de Sanidade que dirixe Julio García Comesaña, aínda que para que a Xunta poida comezar as obras do edificio o Concello de Moaña debe entregar os terreos á consellería de Sanidade. Algo que polo momento non ocorreu, a pesar de que o convenio entre ambas administracións asinouse en 2020. Mentres tanto, desde o Executivo autonómico séguense dando pasos seguros para gañar prazos neste servizo tan necesario para a poboación. Xa pediu licenza municipal para a construción dun edificio moderno e funcional que triplicará a súa superficie respecto ao actual, situado na rúa Concepción Arenal. Se a Casa do Mar de Moaña ten 1.033 m2, a infraestrutura de Sisalde acadará os 3.589 m2 para atender aos 19.500 veciños do municipio, 2.500 deles en idade pediátrica.

Interior do futuro centro de saúde.

En canto servizos, o novo centro de saúde de Moaña incrementará as prestacións tanto para adultos como tamén para menores na área pediátrica. Incorporará novos espazos como o despacho de traballador social, a sala de telemediciña, de cirurxía menor, de ecografía ou salas polivalentes como a de lactación. Tamén incluirá ximnasio, un despacho para a docencia ou unha sala para asociacións de pacientes.

Urxencias de atención continuada

O novo centro de saúde suplirá, provisionalmente, o futuro PAC, que non se poderá poñer en marcha ata que o concello de Cangas poña os terreos a disposición da Xunta. Así pois, ante a falta do PAC Integral proxectado pola consellería de Sanidade desde 2018 na zona de A Rúa, en Cangas, e que non puido executarse, polo momento, porque desde entón o Concello cangués non cumpriu coa sua parte de ceder os terreos ao Sergas, o novo centro de saúde de Sisalde que construirá a Xunta de Galicia en Moaña albergará a atención sanitaria as 24 horas a través das consultas polivalentes.

Vista aérea do novo centro de saúde de Moaña.

O resto de espazos destinaranse a recepción, aseos, salas de espera, almacéns e vestiarios. A maiores contará cunha área de descanso para o persoal de urxencias con catro dormitorios.

Desde a consellería de Sanidade poñen de manifesto o seu «compromiso coa Atención Primaria» no municipio de Moaña e en toda a comarca do Morrazo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *