A Xornada Internacional de Turismo Mariñeiro celebrarase o 24 e 25 de setembro no Pazo da Cultura de Pontevedra
A sede do GALP Ría de Pontevedra, en Marín, acolleu unha reunión conxunta dos Comités de Dirección e Seguimento do proxecto de cooperación Mar das Illas, iniciativa que xa se atopa na súa terceira fase, onde se confirmaron os dous proxectos de pesca turismo seleccionados para poñer en marcha nun piloto.
Estes dous proxectos son o resultado do ambicioso deseño de Mar das Illas que aposta pola diversificación do sector pesqueiro local cara o turismo atendendo ao marco normativo que regula a actividade (Real Decreto 239/2019, de 5 de abril, polo que se establecen as condicións para o desenvolvemento da actividade de pesca turismo).
Unha das propostas parte de Cangas e a outra de Vilanova de Arousa. A primeira experiencia será a bordo dun barco que emprega a arte do palangrillo ao que poderán subir aqueles turistas interesados en saber máis desta arte de pesca artesanal e sostible. Durante o traxecto, que partirá e finalizará na vila canguesa, realizándose a pesca na contorna das Cíes (arquipélago que forma parte do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia), o mariñeiro explicaralles que ten de especial esta forma de pescar.
O outro proxecto consiste en mostrarlles aos visitantes o traballo nun barco bateeiro; visitarán diferentes polígonos de bateas e verán como se levantan as cordas ou se seleccionan os mexillóns. Todo nun marco privilexiado como é a contorna da Illa de Arousa, desde o cal poderán albiscar os illotes de Areoso e Rúa.
Xornadas abertas á cidadanía
Durante a reunión os comités analizaron a previsión de calendario para as xornadas abertas á cidadanía nas que se poderán achegar ao labor das mariscadoras, que lles explicarán os aparellos e técnicas que empregan, as características das especies; é dicir, coñecerán en primeira persoa como é o día a día destas traballadoras do mar. No mes de xuño desenvolverase unha xornada por cada ría: a Ría de Arousa, a Ría de Pontevedra e a Ría de Vigo.
Outro dos puntos da orde do día da reunión dos comités foi a revisión dos acordos adoptados respecto da organización da Xornada Internacional de Turismo Mariñeiro, así como a aprobación do programa provisional. O evento celebrarase o vindeiro 24 e 25 de setembro no Pazo da Cultura de Pontevedra co obxectivo de coñecer a situación do turismo mariñeiro en Europa e as experiencias que se están a desenvolver neste campo tanto na comunidade galega como en Cerdeña (Italia), Francia e Portugal. Ademais, deseñaranse tres mesas de networking: emprendemento en pesca turismo, emprendemento en turismo mariñeiro e comercialización.
Na xuntanza dos comités participaron María del Carmen Vázquez Nores e Laura Nieto Zas, presidenta e xerente do GALP Ría de Pontevedra, respectivamente; Mª Teresa Ramos Covelo e Manuel Domínguez Rey, técnicos de Babadiva Ambiental; Rosa Carballo Martínez, xerente do GALP Ría de Arousa; Jorge Martínez Piñeiro, axente de Extensión Pesqueira da Consellería do Mar; María Elena Herbello Puentes, xerente do GALP Ría de Vigo – A Guarda; e Paula Pardo Fernández, representante da Asociación Mar Seguro de Galicia.
Mar das Illas 3
O proxecto Mar das Illas, promovido polo GALP Ría de Pontevedra, en colaboración co GALP Ría de Arousa, o GALP de Vigo – A Guarda, o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, a Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra e a Asociación Mar Seguro de Galicia, ten como obxectivo promocionar o emprendemento do turismo mariñeiro e pesca turismo entre o colectivo de profesionais e os seus familiares nas Rías Baixas, especialmente no ámbito do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. O proxecto conta co respaldo da Consellería do Mar e está financiado polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP).
As anteriores edicións de Mar das Illas foron recibidas con entusiasmo e interese entre as persoas que forman parte do sector pesqueiro local. Tras a realización de cursos formativos de Iniciación ao Turismo mariñeiro e de Pesca e Turismo Sostible no ámbito do PNMTIAG formáronse 120 profesionais do mar como guías turísticos. Tamén se editaron guías de apoio e consulta para diversificar cara o turismo mariñeiro, e elaborouse unha proposta de regulación do turismo mariñeiro en Galicia.