Por primeira vez o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, participou na Mesa Local da Sanidade de Moaña. Puente acudiu acompañado da directora de Atención Primaria, Reyes Díaz, coa intención explicar aos membros a situación actual da sanidade no municipio e, desta forma, tranquilizar aos veciños. Na reunión tratáronse os tres problemas fundamentais que ten a atención primaria moañesa como son a cobertura das vacantes, o regreso das urxencias e a ambulancia de reforzo para a comarca.
Sobre a dotación de persoal, Puente informou de que de forma inmediata, a partir de outubro, incorporaranse á quenda de tarde dous profesionais médicos, un para cubrir a praza que quedara baleira tras o concurso e outro máis de reforzo. En total serán cinco os médicos de cabeceira que atendan nesta quenda.
Urxencias e ambulancia
En canto ás urxencias, o cabalo de batalla da Mesa Local da Sanidade de Moaña, o xerente anunciou que desde a consellería de Sanidade está a crearse un «plan estruturado» para poder devolvelas ao PAC de Concepción Arenal pero este bosquexo consensuado deberá contar coa aprobación dos profesionais sanitarios e coa garantía de que haberá suficientes médicos para mantelas cando se poidan producir baixas. Neste sentido, Puente non quixo comprometerse a dar datas pero si incidiu no seu «empeño» por conseguilo e en que sexa o máis pronto posible.
Tamén expuxo como requisito para o regreso da atención urxente a Concepción Arenal o acondicionamento das instalacións do edificio da Casa do Mar.
Por último, o responsable da área Sanitaria de Vigo referiuse, ademais, á petición histórica por parte das alcaldesas de Cangas e de Moaña, ademais das distintas plataformas en defensa da sanidade pública, de dotar á comarca do Morrazo dun ambulancia máis. Neste sentido, volveu denegar a petición alegando que o sistema actual cobre perfectamente as necesidades e que, por tanto, non se dan as circunstancias para este reforzo.
A presidenta da Mesa, a alcaldesa Leticia Santos, agradece a presenza do xerente e da directora de Atención Primaria na Mesa Local da Sanidade para tratar as diferentes inquietudes dos moañeses en materia sanitaria.
«Toma» das instalacións que molestou aos profesionais sanitarios
Doutra banda, tamén se coñeceu que hai un escrito subscrito polo equipo sanitario do centro de saúde moañés manifestando que o venres 2 de xullo durante a concentración vespertina que se celebrou ás portas da Casa do Mar e na que representantes veciñais, da Plataforma e do equipo de goberno realizaron unha «toma» simbólica das instalacións accedendo á planta baixa e quedándose alí durante varios minutos con carteis reivindicativos. Ese mesmo día os concentrados tiveron que deixar paso a un ambulancia que acudía a recoller a un enfermo para trasladalo ao hospital.
Santos asegura non coñecer este escrito pero sorpréndese ao non entender o motivo da queixa. «Non se molestou ao persoal en absoluto, puxemos en valor o seu traballo e todo o esforzo realizado durante este tempo de pandemia e de escaseza de persoal», manifesta a rexidora, que xa falou co xerente deste asunto días atrás.