O xerente da área Sanitaria de Vigo asegura que non se realizarán as obras para adaptar o edificio da Casa do Mar ata que non teñan profesionais que garantan o servizo cando haxa baixas. «Decepción», valoran desde a Mesa da Sanidade
Había expectativas pero finalmente a reunión extraordinaria da Mesa Local da Sanidade de Moaña convocada pola visita e intervención do xerente da área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, respecto a a volta das urxencias ao PAC deixou un sabor amargo nos colectivos, que xa a anunciar intensificar as protestas. O responsable da sanidade na zona explicou que as urxencias non regresarán de momento ao municipio por falta de médicos xa que, ante calquera baixa ou en vacacións, o PAC tería que volver pecharse para prestar novamente o servizo en Cangas ao non poder cubrir as vacantes. A alcaldesa e presidenta da Mesa, Leticia Santos, recoñece como mal menor que aceptarían a opción de ter que desprazarse á localidade veciña cando se producise esta situación de carencia de persoal ao entender que «sería unha maneira de gañar dez meses ao ano de PAC en Moaña e dúas ao ano fose fronte á situación actual na que estamos todo o ano sen este servizo».
En canto ás obras de adaptación aos protocolos Covid-19 da Casa do Mar que a xerencia anunciou en agosto para permitir o regreso das urxencias a Moaña, Puente recoñeceu que non houbo avances neste asunto e que cando estivese solucionado o problema de cobertura afrontarían a reforma «mínima», xa que o edificio non é propiedade da Xunta, para permitir a apertura do PAC en Moaña. A Mesa lembra que desde o mes de outubro o Sergas non renovou a concesión da cafetería situada na planta baixa, o que dota a esta instalación dun espazo máis comunicable desde o interior para, cunha obra sinxela e económica, adaptar a planta baixa para atender as emerxencias «se que é un problema de espazo».
Outro condicionante importante que confirmou o xerente para o regreso das urxencias a Moaña de 8:00 a 22:00 horas, posibilidade na que o Sergas estivo traballando, tamén está relacionado coa cobertura das vacantes da quenda de tarde de luns a venres. Puente expuxo que non se poderá abrir o PAC en horario diúrno mentres non estean cubertas, polo menos, catro das cinco prazas dispoñibles. Difícil, cando neste momento só hai dous médicos dos cinco posibles e nos tres últimos concursos convocados por Sanidade as tres quedaron valeiras. «As urxencias de 8:00 a 22:00 horas parécennos insuficientes pero preocúpanos que nin sequera agora podan expoñernos esa opción», valora Santos, que asegura que desde a Mesa «poñeremos todo da nosa parte para que volvan a Moaña».
Intensifícanse as protestas: concentración diante da Xunta
Ante esta situación, na que «o Sergas non cumpriu co que se comprometeu no mes de agosto», relata a alcaldesa, a Mesa decidiu que se volverán a intensificar as protestas e explicarase detalladamente aos asistentes o contido da reunión de hoxe «na que non se deu resposta a ningunha das cuestións que nos preocupan».
Este domingo volverán concentrarse ás portas da Casa do Mar e o vindeiro xoves 1 de decembro xa convocaron unha concentración diante da delegación da Xunta en Vigo ás 11:30 horas. «E a partir de aí non descartamos combinar as concentracións con outro tipo de mobilizacións como manifestacións, así como reactivar a actividade institucional da Mesa para presentar mocións ao pleno», adianta Santos.