Once alcaldes, entre eles a rexedora de Moaña, Leticia Santos, e o de Bueu, Félix Juncal, uníronse hoxe en Rianxo para mostrar o seu rexeitamento ao convenio trasladado por Portos de Galicia aos municipios para permitir a pesca recreativa e de lecer en terreos portuarios. Tras unha reunión conxunta nesta localidade, o primeiro edil nacionalista da corporación rianxeira, Adolfo Muiños, expuxo á prensa as conclusións do encontro que pasan por cualificar o documento de «ilegal desde o punto de vista competencial» ao lembrar que os consistorios non teñen competencias absolutas nas zonas portuarios e, por tanto, «a incapacidade de cumprir coas obrigacións que nos impoñen neste convenio». «Tampouco temos porqué adquirir responsabilidades de tipo patrimonial e, mesmo, penal que non nos corresponden», manifestou Muiños en representación dos alcaldes presentes: Rianxo, A Pobra, Cambados, Bueu, A Illa de Arousa, Camariñas, Fisterra, Moaña, Boiro, Sada e Ribadeo.
«Entendemos que é un convenio imposto, non negociado, que tivemos que decatarnos pola prensa», reprochou o rexedor de Rianxo a Portos, a quen acusou de crear o problema coa resolución presidencial do pasado 26 de xullo de 2021. «Agora debe ser este ente quen o resolva mediante o diálogo co sector», apresurou antes de anunciar que trasladarán a situación á executiva da Fegamp para que tome coñecemento do que está a ocorrer e traslade a posición destes once alcaldes ao resto de concellos afectados.
A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, quere ratificar «o noso apoio ao colectivo de pesca recreativa e pon en valor que en Moaña non hai ningún conflicto, mesmo hai un acordo entre estes e o sector bateeiro».
Portos non modificará o convenio «a curto prazo»
«A decisión está estudada e o que se propón ao concello de Moaña está estudado», respondeu Portos de Galicia a Morrazo Noticias ante a pregunta de se se expuñan negociar o convenio despois de que o consistorio manifestase publicamente a súa intención de non asinalo. Aínda así, engadiron, «a normativa non é inamovible, é dinámica, pero a curto prazo non».