Máis de 150 persoas participaron nun acto simbólico organizado polo Concello no que se recordou ás 52 vítimas deste ano, aos 52 asasinos e 52 ferramentas para loitar contra a violencia de xénero
Moaña camiña unida contra a violencia machista. Este sábado 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a alcaldesa, Leticia Santos; a concelleira de Muller, María Ortega, membros da Corporación municipal e representantes de todo o tecido asociativo, cultural e deportivo do concello déronse cita ás portas do Concello para alzar unha vez máis a súa voz nun compromiso inquebrantable contra a violencia machista.
Máis de 150 persoas participaron nun acto simbólico no Parque do Concello “no que visibilizamos ás 52 vítimas deste ano, aos 52 asasinos e 52 ferramentas para loitar de forma firme contra a violencia de xénero”. Con cada pano co nome dunha das mulleres asasinadas, o público colocou na bancada do Concello unha silueta dun agresor e unha acción ou ferramenta coa que loitar contra a violencia machista.
A alcaldesa, Leticia Santos, afirmou que o compromiso do Concello de Moaña “vai máis alá das palabras e se traduce en accións co firme propósito de construír unha sociedade onde a liberdade, a seguridade e a integridade sexan dereitos incuestionables para todas as persoas”.
“Hoxe proclamamos con forza que cada muller ten dereito a vivir sen medo, sen violencia, sen que a súa vida se vexa truncada por actos de terror. Cada muller merece ser respectada e valorada polo que é, sen importar as circunstancias e moito menos a condición de xénero. E para iso tamén é fundamental traballar para crear unha nova xeración consciente e comprometida, porque queremos non só que herden un mundo libre de violencia, senón tamén unha conciencia arraigada na igualdade e no respecto mutuo”, destacou a rexedora.
Pola súa banda, a concelleira de Muller, María Ortega, quixo agradecer a todo o tecido asociativo, cultural e deportivo así como á Policía Local a súa implicación para loitar día a día contra unha lacra como a violencia machista. “Camiñamos unidas sabendo que detrás de cada muller asasinada hai un home que a asasina. Por iso hoxe poñemos a mirada na raíz do problema, poñemos o foco no agresor, porque só así identificaremos a orixe desta violencia para atacala sen dúbidas nin falsas culpabilidades. Non permitiremos que a revitimización das mulleres continúe, pois sabemos que ese é o camiño para un avance real cara á igualdade”.