Moaña camiña unida contra a violencia machista. Co gallo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o Concello de Moaña pon en marcha unha campaña coa que condenar a violencia machista poñendo a ollada no agresor e facendo partícipe á mocidade na procura de ferramentas ou solucións para acabar con esta lacra.
A concelleira de Muller, María Ortega, sinala “a importancia de poñer fin á revitimización das mulleres para avanzar cara a unha sociedade igualitaria e libre de violencias. E nese camiño é fundamental involucrar á nosa rapazada, axudando a crear unhas novas xeracións máis conscientes e comprometidas coa igualdade”.
A campaña comezará este mesmo sábado 18 de novembro coa apertura do concurso ‘Ti como loitas contra a violencia machista?’, un certame que busca a implicación activa da mocidade empregando as súas mesmas canles de comunicación. Así, oalumnado de 3º e 4º da ESO e Bacharelato poderá participar subindo ao seu perfil de TikTok un pequeno vídeo achegando propostas de solucións contra a violencia machista e etiquetalo cos hashtag #MoañaCamiñaUnida #ContraAViolenciaMachista.
A rapazada interesada en concursar deberá publicar os seus vídeos ata o vindeiro sábado 2 de decembro. Tras o peche do certame, o xurado reunirase para fallar o vídeo gañador ou gañadora. Os premios serán un iPad 9 gen, uns auriculares JBL 720 BT e un altofalante JBL Go 3, que serán entregados nun acto no Salón de Plenos do concello o martes 12 de decembro ás 19:00 horas.
O propio 25 de novembro, celebrarase un acto colectivo e simbólico no Parque do Concello no que participará o equipo de goberno, a asociación de mulleres de Moaña e a asociación de mulleres Poza da Moura, e ao que tamén están convidadas persoas de diferentes idades, entidades e asociacións do concello así como membros da corporación municipal, nun momento de encontro “no que Moaña demostrará de novo que camiña unida contra a violencia machista”.
O acto, que será ás 12.00 horas, comezará coa lectura dun manifesto centrado na violencia machista e nas ferramentas que ten a sociedade para loitar contra ela e rematará coa xa tradicional colocación de panos cos nomes das mulleres asasinadas no que vai de 2023 bordados polas mulleres de ambas asociacións. Este ano a homenaxe ás mulleres asasinadas terá unha visión diferente “porque detrás de cada muller asasinada hai un home que a asasina, e iso hai que sacalo á luz, é onde temos que poñer o foco” sinala a concelleira de Muller.