Cubela, Santos, Ríos y miembros de la organización.

Os 2, 3 e 4 de outubro exposicións, obradoiros, rutas, concertos, charlas e desfiles completan a programación do evento

As Xornadas Etnográficas do Morrazo na súa oitava edición enchen Moaña e Cangas de Morrazo estes 2, 3 e 4 de outubro dun amplo abano de actividades ligadas á música, baile e traxe tradicional galegos e á concienciación ambiental.

O venres 2 ás 19.30 horas inaugurarase o evento no Concello Vello de Moaña cunha exposición fotográfica sobre faros a cargo da Asociación Fotográfica e Cultural Olladas e cunha exposición sobre embarcacións e faros da man de Devanceiros do mar. Esta apertura contará coa presenza de Anxo Lorenzo, Director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.

O sábado 3 o día comeza ás 11.00 horas cunha ruta en embarcación tradicional a vela pola ría de Vigo con saída dende o Porto de Moaña pola Asociación Sueste. Este paseo require inscrición previa. Á mesma hora no Salón de plenos do Concello de Moaña o Grupo de Ecoloxía Costeira da Universidade de Vigo impartirá unha charla sobre a diversidade mariña e o seu estudo.

A partir das 12.30 h. os bares de Moaña resoarán cos cantos mariñeiros, populares e de taberna de Maravallada e Peis d’hos. Xa pola tarde, ás 17.00 h. as Bandas de Gaitas Manxadoira e Tromentelo realizarán sendos pasarrúas polas rúas da vila de Moaña.
A seguir, dende as 18.00 h. a Carpa do Paseo Marítimo de Moaña acollerá a Mostra Etnográfica con Trébede (grupo de baile, grupo folc e pandeireteiras) e coa AC Xacarandaina (grupo de música e bailes tradicionais). Ás 19.00 h. dende a mesma ubicación Bea Campos amenizará ao público con Contos de mar e outras historias. No mesmo lugar ás 20.00 h. darán comezo os concertos de Treixadura e Comando Curuxás, para despois continuar a noite cunha foliada da man de Peis d’hos, O Fiadeiro e Retrouso e para rematar foliada aberta.

O domingo 4 de outubro as actividades desenvolveranse en Cangas de Morrazo. Un dos puntos principais será a Mostra de Artesanía, que permanecerá aberta durante toda a xornada. Ás 10.30 h. comezarán o obradoiro de confección de Bego Martínez (Casa da Bola), o obradoiro de gaita de Sérgio Nunhes (Casa da Xuventude) e o roteiro pola historia das rúas de Cangas pola Asociación A Illa dos Ratos. Estas tres actividades requiren de inscrición previa.

Ás 12.00 h. e ás 13.30 h. o grupo Ansuíña realizará uns pasarrúas dende a Alameda Vella polas rúas de Cangas. Ás 12.30 h. comezará na Carpa da Alameda Vella unha charla/demostración da man de Luís do Río sobre cestería de madeira. Xa ás 16.30 h. Os Liboreiros percorrerán coa súa música as rúas de Cangas saíndo dende a Alameda Vella. Ás 17.00 h. comezará na Capela do Hospital unha charla sobre o traxe tradicional galego da man de Antón Méndez e ás 18.00 h. na Alameda Vella actuará o Grupo de Danzas Pais de San Roque.

Para rematar as VIII Xornadas Etnográficas do Morrazo, ás 18.30 h. no Adro Taberna Cultural realizarase a charla/obradoiro “Arromba os teus panos” a cargo de Montse Rivera e ás 20.00 h. na Alameda Vella a Asociación do Traxe Galego levará a cabo un mdesfile do traxe tradicional galego que servirá de clausura do evento.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *