Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, visitaron este xoves as obras que o Concello de Bueu acometeu na rúa Staffan Mörling, que consistiron no repintado de varias prazas de estacionamento para ciclomotores e vehículos, e dous pasos de peóns que viñan reivindicando por parte da dirección e da ANPA do IES Johán Carballeira, así como as propias persoas usuarias do Pavillón Municipal Pablo Herbello.
Juncal lembra que nesta rúa xa se restrinxira a circulación o pasado ano, permitindo só en sentido descendente. A partir de agora, e tras as peticións de toda a comunidade educativa, a vía quedará desta forma, agás no pequeno tramo entre o pavillón e a rúa Ramón Bares, onde se permitirá a dobre circulación.
Así mesmo, o Concello ensanchou a beirarrúa próxima ao IES Johán Carballeira, co que se mellora a seguridade e a mobilidade das persoas, e tamén se pintará outro paso de peóns entre os dous institutos, completándose a actuación coa instalación dunha marquesiña na zona ocupada ata hai uns anos polo quiosco.
Coa compañía dos técnicos municipais, alcalde e concelleira comprobaron tamén o estado do aparcadoiro situado na parcela colindante ao IES Illa de Ons, onde existe espazo para aparcar un total de corenta e oito vehículos, e no que se vén de culminar o pintado.
As obras foron realizadas pola empresa Construcciones, Obras y Viales (Covsa), que tamén se encargou da humanización da rúa A Pedra. Ese proxectou levouse a cabo con cargo ao Plan de Remodelación e Mellora da Seguridade dos Viarios Municipais (Plan Depo-Remse) da Deputación de Pontevedra, e con ela modernizáronse os servizos como a recollida de augas ou a enerxía eléctrica, aumentáronse os anchos das beirarrúas, suprimíronse as barreiras arquitectónicas e incrementouse a sinalización horizontal e vertical, nunha zona na que conflúen infraestruturas tan importantes como o Pavillón Municipal Pablo Herbello, o CEIP A Pedra, o IES Johán Carballeira, o IES Illa de Ons e o Centro de Saúde.