Celebrarase na Alameda “Rosalía de Castro” de Marín baixo unha carpa de 40×10 metros na que participarán 14 comercios da vila
A Concelleira de Turismo e Comercio de Marín, Cristina Acuña, e a Presidenta e Xerente do Centro Comercial Aberto Estrela de Marín, Isabel Torres e Yonathan Carreira, respectivamente, presentaron a I Edición de “ExpoNadal Marín” que terá lugar do 3 ao 5 de decembro. Será a primeira edición deste evento comercial, que ten como obxectivo fundamental, facilitar as compras de nadal aos clientes que visiten Marín nestas datas.
Aproveitando a carpa que instalará o Concello na Alameda con motivo das actividades de Nadal, montaranse 14 stands modulares de madeira de pino, ocupados todos eles por establecementos comerciais da vila. O horario do evento será de 11 a 21 e a entrada será gratuíta.
Coa finalidade de cumprir as recomendacións do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, controlarase o aforo do evento en todo o momento e o uso da máscara será obrigatorio. Habilitaranse un punto de entrada e outro de saída, nos cales haberá persoal de seguridade que contará con dispositivos que permitan coñecer en todo momento o número de persoas existentes no interior da carpa, así como o control da capacidade máxima permitida na citada instalación.
O aforo permitido, descontado o persoal que traballará nos stands, será de 150 persoas e poderase coñecer a tempo real o aforo da carpa, a través dun enlace web que se fará público a vindeira semana. Ademáis, tanto na entrada como na saída, instalaranse dispositivos con xel hidroalcohólico.
Dende Estrela de Marín agradecen a predisposición do Concello a colaborar con esta I Edición de ExpoNadal Marín coa cesión do uso da carpa e o custe do suministro eléctrico e da tarima e moqueta.