Este xoves, haberá certame literario orientado á mocidade por parte de Céltica e o venres, o Club de Opinión Portocelo organiza un recital en honra dos poetas marinenses que deixaron a súa pegada
A poesía será a protagonista desta semana na vila de Marín e, en xeral, en todo o mundo. O xoves conmemórase o Día da Poesía e para festexar a cultura e a creación literaria, a vila acollerá varios eventos.
Por unha banda, a asociación Céltica promove o propio xoves un evento poético orientado á mocidade que terá lugar na Biblioteca Municipal Vidal Pazos, a partir das 19.00 horas, e que estará conducido por Inés Pampín e Richard Pazos.
Inicialmente, haberá un coloquio para definir que é a poesía e por que a súa existencia é importante. Despois, seguirase cun recital participativo con temáticas diversas, contando coa participación das autoras Laura Piedras e Inés González.
Poetas marinenses que deixaron a súa pegada
Por outro lado, o Club de Opinión Portocelo organiza baixo o enunciado “Poesía es ti”, que terá lugar o próximo venres día 22 ás 20.00 horas, tamén na Biblioteca, unha homenaxe ás figuras poéticas de Marín que deixaron a súa pegada.
O acto arrancará coa conferencia da xornalista, escritora, poeta e narradora marinense Lara Dopazo Ruibal, autora de obras como “Dende a Illa Peixe”, pola que recibiu o GX Crea 2008; “Claus e o Alacrán”, premiado co Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño ou “O axolote e outros contos de bestas e agua”, que foi Premio
Illa Nova de Narrativa 2020. A charla, titulada “Poesía, unha conversa de nomes e versos”, servirá para falar da reconstrución dos espazos da vida diaria mirando cara a intimidade propia.
A segunda parte do programa será un recital poético, con versos de poetas marinenses falecidos que seguen perdurando na memoria colectiva: Josefa Area, Luís Almazán, Manoel Cambeiro, Ángel Estévez, Víctor Castro, Marisa Pintos, Urbano R. Moledo e Francisco Morales. O recital será a cargo dos seus familiares.
O evento pechará co concerto “Un canto á poesía”, que correrá a cargo do Coro de Cámara Thalassa, que cumpre o seu 30 aniversario, cuxo repertorio estará dirixido por Gonzalo Martín Lorenzo.
XXIII Premio de Poesía do Concello de Marín
Por outra banda, o xoves, Día da Poesía, o Concello publicará as bases que rexerán a convocatoria do XXIII Premio de Poesía do Concello de Marín, que se convoca co gallo da celebración en maio do Día das Letras Galegas.
Este ano, apostarase por fortalecer a convocatoria para adultos, namentres que os centros educativos participarán do acto poñendo en valor o traballo feito desde as aulas e trasladando os coñecementos adquiridos sobre a figura da artista homenaxeada este ano: Luísa Villalta.