A alcaldesa María Ramallo visitou esta mañá as Cabañas de Xarás, que abrirán a partir da próxima semana ao público.
Hai un lugar en Cabodevila onde a natureza, o turismo e sostibilidade danse a man. Un lugar onde cada cabaña abraza unha árbore. Un lugar con encanto, El encanto de Xarás , que en cuestión de días porá a disposición do público un novo establecemento turístico espectacular da vila.
A alcaldesa María Ramallo e os concelleiros Pablo Novas e Manuel Santos fixeron unha visita ás Cabañas de Xarás que son «un exemplo de proxectos turísticos punteiros, respectuosos co medio ambiente e que aportan algo máis á experiencia daqueles que nos visitan», expresou a alcaldesa. Trátese dun complexo con catro cabañas pensadas para parellas ou para unha familia con nenos e nenas, totalmente equipadas e cunha aposta pola integración paisaxística en todos os materiais utilizados, con atractivos como os jacuzzis que se poden desfrutar na entrada de cada cabaña e cunhas vistas espectaculares da ría e uns solpores de ensoño.
Marín segue traballando por ser unha referencia do turismo slow, apostando por abrir as portas do noso paraíso ao mundo, pero tendo sempre como referencia o respecto ao noso, á xoia natural na que vivimos e aportando valor engadido ao tecido local.
A alcaldesa recalcou que este é un proxecto “que pode servir como modelo para futuras inversións doutros emprendedores que se animen a levar adiante iniciativas deste tipo, que sitúen á nosa vila no mapa deste turismo xa tan demandado pola cidadanía e que ademais pode desfrutarse tamén en outono, inverno ou primavera, axudando tamén á desestacionalización”.
2 millóns de euros para un Plan de Sostibilidade Turística
Na liña de seguir avanzando na construción deste Marín turístico, o Goberno local está a traballar en distintos proxectos que compoñen a estratexia do Plan de Sostibilidade Turística, polo que se acadaron 2 millóns de euros procedentes dos Fondos Next Generation da Unión Europea.
Dentro desta estratexia, inclúense melloras no Vial de Praias de Marín, a renaturalización do Lago Castiñeiras e a súa contorna, creando ciclos de BTT, ou a mellora en toda a sinaléctica, entre outras iniciativas.