A concelleira con veciñas xunto a unha das fotografías.

Instaláronse varias lonas con fotografías antiguas do barrio en fachadas que precisaban dunha posta a punto

Coidar a estética do noso espazo público, embellecelo e loitar contra o feísmo é unha liña de traballo na que o Concello está a actuar, comezando polo barrio de Cantodarea. Alí veñen de colocarse unha serie de lonas con fotografías que lembran ao pasado deste barrio mariñeiro tan relevante na nosa vila.

A concelleira Marián Sanmartín achegouse coa Asociación Veciñal A Fonte Cantodarea-Estribela a comprobar como quedou o resultado nunha das fachadas, despois de que o Concello xunto coa entidade veciñal escollesen aquelas que precisaban dunha mellora máis urxente.

Ademais de colocar as lonas, tamén se lle pasou unha man de pintura co obxectivo de que haxa máis armonía e para mellorar en xeral a imaxe desta zona no que respecta ás propiedades que están en venda ou que nestes momentos non están habitadas.

O obxectivo é, dentro do posible, seguir facendo este tipo de intervencións noutros espazos degradados, para seguir loitando contra o feismo e recobrando a memoria da vila. De feito, dentro dese último obxectivo, tamén se engloba a actuación levada a cabo no local municipal no que se ubica a Asociación de Veciños de Cantodarea, onde se colocou para o recibidor un póster cunha foto antiga do barrio.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *