A praia de Mogor acolleu esta mañá a primeira proba de selección para o persoal de socorrismo que velará pola aeguridade dos nosos areais este verán. Para cubrir toda a demanda, solicitáronse 63 persoas, co obxectivo de contratar a 21 socorristas, 3 patróns e 1 coordinador. Deses, presentáronse 23, aínda que un deses candidatos foi excluido.
Tal e como explicou a concelleira de Turismo, Cristina Acuña, “incluso no caso de que todos pasasen as probas, sería imposible cubrir a demanda completa, por iso nuns días teremos que volver convocar un novo proceso selectivo”.
O obxectivo é poder ter listas as contratacións de cara á última semana de xuño, para que a esa altura os areais xa tiveran este servizo activo.
As probas consistiron nunha carreira de 150 metros pola area, seguido de nadar 250 metros co equipo de salvamento. Os patróns fixeron a proba coñecida como “home á auga”.
As tarefas a desempeñar polos socorristas dentro do dispositivo serán, de xeito xeral, as que tenden a garantir a seguridade dos usuarios dos areais: previr situacións potencialmente perigosas, vixiar e intervir ante un accidente ou situación de emerxencia.
No caso dos patróns socorristas, as tarefas incluirán o manexo de embarcacións de salvamento e o seu coidado, así como as operacións básicas de mantemento das mesmas e todas aquelas inherentes aos socorristas.
O coordinador terá que encargarse da organización do servizo, do calendario de traballo e a dotación de material, de informar ao Concello de calquera tipo de incidencia, anomalía ou necesidade de material, da recollida de datos para a elaboración de estatísticas e outras cuestións relativas ao seu posto