A concelleira na presentación do I Festival Cine do Mar.

O evento, organizado pola Asociación Museo do Mar de Marín, será do 21 ao 25 de maio e contará con dúas seccións oficiais, unha de ensino e outra para novos/as creadores/as. Tamén haberá proxeccións e mesas redondas

O cine e o mar daranse a man en Marín durante a próxima semana, coa celebración do I Festival Cine do Mar, impulsado pola Asociación Museo do Mar de Marín e o Concello e que foi presentado esta mañá polos representantes da entidade e a concelleira de Cultura, Marián Sanmartín.

A programación do festival arrancará o 21 de maio no Cine Seixo ás 19.30 horas, coa presentación do certame por parte dos organizadores e das autoridades, para dar paso ás 20.00 horas á proxección dun filme que revolucionou o audiovisual galego do último ano: Matria, de Álvaro Gago. As entradas, que serán de balde, deberán recollerse previamente no Museo do Mar.

A partir do mércores, todas as actividades trasládanse á Biblioteca Municipal Vidal Pazos. Ese día ás 19.00 horas, os autores Anxo Cabada e Antón Davila presentarán a súa obra A última dorna de Ons e ás 20.00 horas celebrarase unha mesa redonda sobre patrimonio marítimo na que participarán Antón Pousada, presidente do Grupo Cultural Ronsel; Fernando García, da Asociación Cultural Os Galos; Xaquín Fabeiro, presidente do Club Mariño A Reiboa, e Ramón Collazo, presidente da Asociación Galega de Carpinteiría de Ribeira.

O xoves arrancará o festival propiamente coa proxección das curtas da categoría de Ensino, coas seguintes obras presentadas:
● Entroido 2022, do CEIP Carballal
● As praias de Marín, do CEIP Carballal

● Mergullo nas rías, do CEIP Carballal
● Un tesouro nas rías, do CEIP Carballal
● Mar de redes, do IES Félix Muriel
● U-los mariñeiros en Marín?, do CEIP Sequelo
● Mareas vivas de Lourizán, do CPR Sagrado Corazón de Placeres

Acto seguido, ás 20.00 horas, celebrarase a segunda mesa redonda do festival sobre o Museo do Mar de Marín, na que intervirán os membros da asociación José Antonio Pérez, María del Puerto Pérez, Xosé María Vilaboa e José Manuel Pesqueira. Finalmente, ás 20.30 horas, proxectarase o documental Homenaxe ás Mulleres do Mar, de Lukas Santiago, na que se pon en valor a traxectoria de Carmen Abreu, Chicha Domínguez, Manuela Couso, Lina Pazos, Juana Soto, Marisa Pazos, Ana González, Concepción Santiago, Dolores Dopazo e Visitación Núñez.

O venres 24 de maio será a quenda da categoría de novos/as creadores/as, coa proxección das seguintes curtas a partir das 19.00 horas:
● Cantiga, de Ángela Castro
● Nostra In Mare Fortuna, de Álvaro Martínez
● Treito, de Carolina Segovia
● Dorna, de Antón Guerrero
● Vogar, de Andrea de la Iglesia
● Voltar do mar, de David Pérez-Rodrigo Santiago

Unha vez rematadas as proxeccións, a partir das 20.00 horas, acompañaranos Marcos Gallego, director da Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo, un certame colaborador que traerá a proxección de tres pezas:
● Singlando do Albán, de Tito Pérez, presentado no certame no 2021
● Atalaia/Piueiro, de Xisela Franco, mención especial do certame no 2022
● Tatuado nos ollos levamos o pouso, de Diana Toucedo, mellor película da mostra do 2022

Gala de clausura

O sábado a partir das 19.00 horas celebrarse a gala de clausura, na que se entregarán os premios deliberados por un xurado formado por Diego Santaclara e Diego M. Barcia, de Trece Amarillo; dous representantes do Museo do Mar, Lukas Santiago e Dani Antelo, director do John Balan Fest.

Haberá Sardiña de Ouro, Sardiña de Prata, Rodaballo de Ouro e Mención especial e proxectaranse de novo todas as curtas que resulten gañadoras.

Para clausurar o acto, ás 20.00 horas, proxectarase Carpintaría de ribeira. Fasquiando o futuro, de Pablo Carrera e Ramón Collazo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *