Alumnos do obradoiro na lonxa de Marín.

A vila rexistra 981 persoas paradas na vila, nada que ver coas cerca de 2.500 que se rexistraban hai algo máis dunha década.

Ter un posto de traballo digno e estable é fundamental para poder desenvolver un proxecto de vida. A promoción económica e a xeración de oportunidades laborais é un dos eixos de traballo do Goberno local, poñendo en marcha iniciativas como o Obradoiro Dual de Emprego, que se anunciou esta mesma semana; as lanzadeiras de emprego, os programas integrados… “Todo ese traballo dá os seus froitos, tal e como recollen os datos”, explicou esta mañá o tenente alcalde, Manuel Santos, que informou de que Marín baixou por primeira vez da cifra de 1.000 persoas paradas.

Segundo os datos publicados polo SEPE e compartidos pola Consellería de Emprego, en maio de 2026, o número de persoas desempregadas en Marín situouse en 981, o que supón 36 persoas paradas menos que en abril, onde se chegaba aos 1.017. “Esta cifra, xunto coa taxa de desemprego que temos e o histórico de datos, consolidando unha tendencia á mellora”, detallou o edil, facendo referencia a que Marín presenta unha taxa de desemprego inferior ao 9%, a máis baixa dos municipios da comarca do Morrazo.

Analizando os datos históricamente, “a redución é moi significativa. Durante a crise económica, superábamos o 23% do desemprego, sobrepasando as 2.500 persoas desempregadas, e desde entón fumos claramente descendendo”. Para o concelleiro, os datos que hoxe saen á luz son “os mellores das últimas décadas”. Isto, en palabras de Santos, “evidencia a capacidade de xeración de emprego que temos no municipio”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *