O bando da Alcaldía establece a apertura de 8.00 a 20.00 horas durante ambas xornadas e lembra as pautas de limpeza, conservación e respecto nos recintos
O Concello de Marín publicou un bando da Alcaldía coas indicacións para os cemiterios municipais de cara á celebración de Todos os Santos, unhas datas nas que aumenta a afluencia de persoas que se achegan a lembrar os seus seres queridos.
Para facilitar as visitas, os recintos ampliarán o seu horario de apertura os días 31 de outubro e 1 de novembro, de 8.00 a 20.00 horas. Durante o resto dos días manterase o horario habitual.
Limpeza e conservación de panteóns, sepulturas e nichos
O bando lembra ás persoas propietarias a necesidade de limpar os terreos, as sepulturas e os nichos, así como de pintar os panteóns que non se atopen nas debidas condicións estéticas e de harmonización coa súa contorna. As actuacións previstas deberán poñerse en coñecemento do persoal encargado do cemiterio.
As tarefas de mera limpeza non requiren título habilitante municipal, sempre que se axusten ás condicións recollidas no bando e á normativa de protección do patrimonio cultural.
En concreto, deberán empregarse técnicas non agresivas que non afecten ao material existente. A retirada de po ou lixo non fortemente adherido deberá realizarse sen medios que poidan comprometer a integridade do soporte.
O documento lembra que están prohibidos os chorros de area sobre a pedra vista e que a limpeza con auga a presión precisa autorización da consellería competente en materia de cultura.
Respecto durante as visitas
O Concello solicita a colaboración da veciñanza para manter os cemiterios municipais en boas condicións de limpeza e conservación, especialmente durante estas xornadas de maior afluencia.
Así mesmo, lembra que todas as persoas usuarias e visitantes deberán manter en todo momento o respecto aos demais e ás características do recinto, contribuíndo a que as visitas se desenvolvan nun ambiente de tranquilidade e recollemento.

