A actriz María Vázquez.

A actriz, gañadora do Mestre Mateo á mellor interpretación feminina e da Biznaga de Plata á mellor interpretación, estará na apertura do festival, na que se proxectará a película. As entradas repártense gratis previamente no Museo do Mar.

O cine, o mar e a cultura estarán presentes durante toda esta semana en Marín, coa celebración do I Festival de Cine do Mar, que arranca hoxe cunha primeira edición por todo o alto contando como madriña con María Vázquez, protagonista da película Matria.

A actriz estará na apertura do festival, hoxe ás 19.30 horas no Cine Seixo, para dirixirse á audiencia e falar con ela, previamente á proxección do filme de Álvaro Gago, polo que Vázquez gañou o premio Mestre Mateo á mellor interpretación feminina e a Biznaga de Prada á mellor actriz do Festival de Cine de Málaga, ademais de acumular nominacións á mellor interpretación feminina protagonista dos XXXVIII Premios Goya e por mellor actriz protagonista aos XI Premios Feroz. As entradas para asistir á inauguración do festival e á preoxección do filme repártense gratis previamente no Museo do Mar.

A de hoxe será, por tanto, a xornada inaugural dunha semana chea de programación. A partir de mañá mércores, todas as actividades trasládanse á Biblioteca Municipal Vidal Pazos. Ese día ás 19.00 horas, os autores Anxo Cabada e Antón Davila presentarán a súa obra A última dorna de Ons e ás 20.00 horas celebrarase unha mesa redonda sobre patrimonio marítimo na que participarán Antón Pousada e Xosé Vilas, presidente do Grupo Cultural Ronsel; Fernando García, da Asociación Cultural Os Galos; Xaquín Fabeiro, presidente do Club Mariño A Reiboa, e Ramón Collazo, presidente da Asociación Galega de Carpinteiría de Ribeira.

O xoves arrancará o festival propiamente coa proxección das curtas da categoría de Ensino, coas seguintes obras presentadas:
● Entroido 2022, do CEIP Carballal
● As praias de Marín, do CEIP Carballal
● Mergullo nas rías, do CEIP Carballal
● Un tesouro nas rías, do CEIP Carballal
● Mar de redes, do IES Félix Muriel
● U-los mariñeiros en Marín?, do CEIP Sequelo
● Mareas vivas de Lourizán, do CPR Sagrado Corazón de Placeres


Acto seguido, ás 20.00 horas, celebrarase a segunda mesa redonda do festival sobre o Museo do Mar de Marín, na que intervirán os membros da asociación José Antonio Pérez, María del Puerto Pérez, Xosé María Vilaboa e José Manuel Pesqueira. Finalmente, ás 20.30 horas, proxectarase o documental Homenaxe ás Mulleres do Mar, de Lukas Santiago, na que se pon en valor a traxectoria de Carmen Abreu, Chicha Domínguez, Manuela Couso, Lina Pazos, Juana Soto, Marisa Pazos, Ana González, Concepción Santiago, Dolores Dopazo e Visitación Núñez.
O venres 24 de maio será a quenda da categoría de novos/as creadores/as, coa proxección das seguintes curtas a partir das 19.00 horas:
● Cantiga, de Ángela Castro
● Nostra In Mare Fortuna, de Álvaro Martínez
● Treito, de Carolina Segovia
● Dorna, de Antón Guerrero
● Vogar, de Andrea de la Iglesia
● Voltar do mar, de David Pérez-Rodrigo Santiago
Unha vez rematadas as proxeccións, a partir das 20.00 horas, acompañaranos Marcos Gallego, director da Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo, un certame colaborador que traerá a proxección de tres pezas:
● Singlando do Albán, de Tito Pérez, presentado no certame no 2021
● Atalaia/Piueiro, de Xisela Franco, mención especial do certame no 2022
● Tatuado nos ollos levamos o pouso, de Diana Toucedo, mellor película da
mostra do 2022

Gala de clausura
O sábado a partir das 19.00 horas celebrarse a gala de clausura, na que se entregarán os premios deliberados por un xurado formado por Diego Santaclara e Diego M. Barcia, de Trece Amarillo; dous representantes do Museo do Mar, Lukas Santiago e Dani Antelo, director do John Balan Fest.

Haberá Sardiña de Ouro, Sardiña de Prata, Rodaballo de Ouro e Mención especial e proxectaranse de novo todas as curtas que resulten gañadoras.

Para clausurar o acto, ás 20.00 horas, proxectarase Carpintaría de ribeira. Fasquiando o futuro, de Agalcari.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *