Esta delimitación de áreas nas que se pode desenvolver a actividade ten carácter precautorio e dá resposta tamén á sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que determina que os plans de xestión do percebe son o marco no que se deben valorar as medidas necesarias para protexer o crustáceo cando coexiste coa mexilla
As delegacións territoriais da Consellería do Mar en Vigo veñe de emitir unha resolución na que se delimitan as zonas de extracción da semente de mexillón en bancos naturais co obxectivo de garantir unha explotación sustentable, equilibrada e responsable dos recursos mariños, tanto do percebe como da mexilla. Esta medida prodúcese froito de distintos informes e despois de meses de contacto entre distintos representantes do Executivo galego, das confrarías de pescadores e do sector bateeiro coa finalidade de acadar unha solución que garanta a convivencia equilibrada e unha axeitada protección dos intereses que concorren
na explotación de ambos recursos.
A decisión de delimitar o acceso a determinadas zonas está baseada en criterios técnicos e é froito da análise dos datos recollidos nos últimos meses, plasmados en distintos informes, durante o seguimento e avaliación de ambas especies mariñas no litoral de Galicia. Nesta liña, pretende velar pola conservación e rexeneración tanto da semente do mexillón como do percebe e os seus ecosistemas dada a súa coexistencia nos bancos naturais.
Os informes avaliados pola Consellería do Mar mostran a necesidade de modificar as zonas de extracción da semente do mexillón -unha actividade regulada na orde do 26 de outubro do ano 2000- para preservar o percebe, polo que serán tidos en conta tamén no procedemento de aprobación dos plans de xestión do percebe -actualmente en tramitación- para o período 2022-2024, os primeiros trianuais de acordo co decreto polo que se regula o réxime de conservación e explotación dos recursos marisqueiros e das algas.
Precisamente, esta limitación das zonas de extracción tamén ten carácter precautorio e faise necesaria mentres non estean vixentes os plans de xestión do percebe para o período 2022-2024 pois débese dar resposta á sentenza emitida polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o pasado 20 de setembro, que recolle que os plans de xestión do percebe son o marco axeitado para valorar o tipo de medidas necesarias para a protección deste recurso naquelas zonas nas que coexiste coa semente de mexillón.
Deste xeito, a delimitación de zonas de extracción da mexilla vén a compatibilizar o resto de medidas protectoras que afectan á recollida do percebe e manterase vixente mentres non se aproben os plans plurianuais deste crustáceo para o período 2022-2024. Neses plans será nos que quedarán delimitadas, tal como establece a xurisprudencia vixente, as zonas de reserva da extracción da semente do mexillón dentro do ámbito de cada plan.
Contactos co sector
A Xunta lamenta a imposibilidade de expoñer estas medidas na Comisión do Mexillón celebrada onte ante a negativa dos representantes dos bateeiros a escoitar calquera proposta. Neste sentido, a Consellería do Mar lembra que esta regulación é a máis equilibrada posible para todas as partes e que se apoia en meses de traballo e diálogo coas distintas partes implicadas, nunha importante análise técnica e no que establece a última sentenza sobre esta materia.
O Executivo galego considera que a ruptura do diálogo non é a solución e lembra que a Administración ten a obriga de velar polos intereses de todas as partes interesadas, sen favorecer a unhas por enriba doutras. Por iso, subliña que a extracción de percebe e a produción de mexillón son sectores estratéxicos obrigados a convivir, polo que é necesario que conten cunha solución fundamentada e equilibrada para o desenvolvemento normal das dúas actividades.