A Asociación Comerciantes e Industriais de Bueu utiliza a axuda para mellorar a promoción do comercio local nas épocas de maior actividade comercial
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o concello de Bueu, onde se reuniu cos representantes da Asociación Comerciantes e Industriais de Bueu e da Asociación de
Profesionais da Praza de Abastos.
A primeira visita tivo lugar con motivo das axudas da Xunta para asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos de Galicia. En concreto, esta asociación conta cun apoio da Xunta de preto de 32.000 euros que están a utilizar en diversos proxectos, entre os que destacan os de promoción e dinamización do comercio local en períodos de gran actividade comercial, como é o Nadal.
O delegado territorial destacou o compromiso da Xunta coa potenciación do comercio local e o apoio incondicional “ao tecido comercial galego, do cal viven milleiros de familias e que ten que seguir sendo un sinónimo de calidade, proximidade e bo servizo”.
Estas axudas deixaron na provincia máis de 700.000 de euros, dos cales preto de 130.000 corresponden á área de influencia de Pontevedra.
Reguera aproveitou a visita a Bueu para coñecer o traballo que está a desenvolver a Asociación de Profesionais da Praza de Abastos, unha entidade que recibiu unha axuda de preto de 8.500 euros como parte das axudas autonómicas para o impulso dunha rede de mercados excelentes de Galicia e a revitalización das prazas de abastos. Este importe permite á asociación continuar coas súas iniciativas de captación de clientela e seguir ofrecendo un servizo de excelencia a todos os veciños e veciñas.
O delegado territorial achegouse aos distintos postos comerciais da praza e destacou “a importancia de seguir apostando polas prazas de abastos como lugares de referencia para comprar produtos frescos e de calidade”. Estas axudas deixaron máis de 330.000 euros nos mercados e prazas de abastos da área territorial de Pontevedra.