O presidente provincial do Partido Popular de Pontevedra, Luis López, mantivo onte pola noite unha reunión coa xunta local de Moaña, na que, entre outras cuestións, comezouse a perfilar o equipo de persoas coas que o PP concorrerá ás municipais de maio así como para marcar a axenda de traballo.
López pediu a máxima implicación de toda a xunta local nos próximos meses. “Somos o partido da xente, porque estamos constantemente na rúa, escoitando, atendendo e entendendo cales son as súas necesidades e preocupacións”. Por iso, dixo que “absolutamente todo o Partido Popular de Moaña, desde os concelleiros ata cada un dos seus simpatizantes, serán fundamentais para conseguir resultados”.
Con respecto á persoa que liderará este equipo, os populares acordaron que o anuncio farase tras as vacacións de Nadal e coincidindo co inicio do ano electoral.
Na reunión, Luis López estivo acompañado pola secretaria xeral do partido, Luisa Piñeiro, a vicesecretaria María Ramallo e a coordinadora do Morrazo, Elena Estévez.