As filtracións de auga nas aulas estaba afectando ao día a día do centro educativo, polo que o Concello encargou un proxecto para iniciar as obras o antes posible e subsanar esta problemática
A concelleira de Educación, Marián Sanmartín, informou esta mañá de que se iniciaron os traballos de urxencia na EEI O Grupo, debido a que se estaban dando filtracións nas aulas, dificultando o labor lectivo no centro.
“En canto fumos coñecedores desta situación, encargamos un informe aos técnicos municipais para examinar esa entrada de auga”, explicou Sanmartín.
Nese documento, pode comprobarse que o problema débese a un defecto na cuberta, na que se utilizaron dous tipos de tellas cerámicas planas, que non encaixan correctamente unhas con outras, “provocando que se filtre a auga ao interior e xerando goteiras e humidades”, detallou a edil.
Por tanto, esta actuación suporá unha substitución desa parte da cuberta afectada, que será dunha superficie de 210 metros cadrados. “Xa se empezou esta semana coas obras, que está realizando Construcciones Marcos cunha inversión de case 40.000 euros”.