O concelleiro Manuel Santos estivo cos operarios da empresa adxudicataria, que actuarán sobre a lámina de auga e a actuación na zona dos peches da dársena para a súa mellora e recuperación
A recuperación medio ambiental da antiga dársena portuaria, popularmente coñecida como Cemiterio de Chalanas, co obxectivo de poder utilizar a zona para actividades náutico-deportivas xa arrancou cos traballos de execución.
O concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos, visitou aos operarios de Marcor Xove, empresa adxudicataria, que esta semana xa empezaron con algunhas das tarefas que centrarán o arranque do proxecto durante este mes.
“Tal e como nos explicaron, agora centraranse na limpeza e desbroce dos muros para preparalos de cara á súa mellora e despois irán actuando máis concretamente na zona acuática”, explicou o concelleiro.
Este proxecto, que é unha das apostas pola recuperación de toda a zona que conecta a Praza de España co Paseo Alcalde Blanco, ten dúas partes diferenciadas, que se licitan de xeito separado: por unha banda, a recuperación medio ambiental da zona acuática, e, por outra, a mellora urbana do entorno.
A inversión que se está a realizar é de 270.733 euros e faise con cargo ao Plan de Sostibilidade Turística. “Limparemos os fondos e retiraremos todos os residuos que actualmente hai na dársena e tamén renovaremos o actual tubo de pluviais, que non funciona correctamente”, incidiu Santos.
Unha vez realizadas estas tarefas, colocarase unha capa xeotextil, que terá por unha banda, función de filtro, para evitar a mezcla do fango do fondo coa capa de area, e unha función estrutural. Ademais, limparanse todos os paramentos verticais do peirao e instalarase unha plataforma flotante de aluminio de 12×6 metros, co obxectivo de proporcionar un elemento de apoio ás embarcaciones deportivas.
300.000 euros máis do PSTD para completar a urbanización da zona e a conexión de Praza de España co Paseo Alcalde Blanco
Ademais, o Concello conseguiu unha ampliación do Plan de Sostibilidade Turística en Destino de 300.000 euros que se poderán destinar ao proxecto de urbanización do entorno da dársena, na súa conexión coa Praza de España, esa segunda actuación antes mencionada. A urbanización consistirá na creación dun espazo peonil con zonas axardinadas, que poida ser unha zona de descanso e paseo para os veciños e veciñas de Marín.
Está previsto que nas próximas semanas xa se poidan aprobar os pregos de licitación para adxudicar este proxecto.