O Concello de Moaña distribúe esta imaxe como mostra do incivismo que practican as persoas que decidiron introducir unha neveira nun contedor instalado aos pés do cemiterio municipal da localidade. «A actitude incívica dalgún veciño ou veciña chega a extremos insospeitados», denuncia o edil de Medio Ambiente, Odilo Barreiro.
Isto a pesar de que o concello de Moaña é, dos tres concellos que conforman a Mancomunidade, o que máis avanzado leva o proceso de implantación da compostaxe “in situ”, ben a través do reparto de composteiros individuais, ben coa extensión de centros de compostaxe comunitario. Dentro da compostaxe individual que os veciños e veciñas realizan na súa vivenda unifamiliar, tralo empréstito dun composteiro por parte do concello, preténdese facilitar ao solicitante no máximo posible a participación no proceso.
Para iso, o concello de Moaña instalou nas distintas parroquias que conforman o municipio un puntos de distribución do estruturante (restos vexetais triturados) que é parte fundamental para a obtención de compost e que debe ser mesturado en partes iguais cos restos orgánicos ou biorresiduos. Eses colectores do estruturante están debidamente sinalizados para evitar que leven a confusión con colectores de lixo da fracción resto. Sen embargo, e a pesares das advertencias, a imaxe e unha realidade. «Na imaxe pódese comprobar como a sinalización do fin ao que se dedica o colector está ben clara, polo que só unha actitude antisocial pode dar resposta ao acaecido», manifesta Barreiro.
Dende o concello facen «un chamamento a respectar ao máximo as indicacións que aparecen nos colectores e que se eviten situacións como a que hoxe denunciamos».