A portavoz do PP, Elena Estévez, nunha visita a Bueu da responsable de Portos, xunto ao alcalde.

A voceira do PP de Bueu, Elena Estévez, afirma que “os colectivos culturais perden 24.000€ e os deportivos 25.000€ nos orzamentos do 2023, mentres o custo do goberno local aumenta en 42.000€”. “Cos 75.000 euros que se reparten en gratificacións á policía neste ano, case se poderían contratar a dous axentes, pero está claro que non é unha prioridade do goberno de Félix Juncal”, censurou.

“Un orzamento dun goberno bipartito que é contrario aos intereses de Bueu e aos seus veciños”. Así cualificou a voceira popular, Elena Estévez, a proposta de orzamentos municipais do ano 2023, uns presupostos “extemporáneos, que chegan xa case co ano vencido pola falta de vontade de Félix Juncal e de Xosé Leal de cumprir cos prazos e dun PSOE que a cambio dun soldo, cala”. Dese xeito, Estévez realizou “unha emenda á totalidade duns presupostos que son antiBueu, que non apostan nin polo seu rural, nin polo centro, nin por nada que non sexan os intereses do alcalde”.

Estévez reprochou, en primeiro lugar, que “incumprindo a palabra dada, estes Orzamentos seguen sen ter unha partida para o concurso de ideas da Banda do Río, unha zona que vive na parálise total desde hai un lustro pola falta de vontade e valentía de Félix Juncal”. Ao tempo, tamén reprochou “a baixada de investimentos no mantemento das infraestruturas culturais e deportivas, que están caendo a anacos pero perden 24.000 euros nestes presupostos”, ao igual que apelou “á baixada de fondos para os colectivos”. “24.000 euros menos para colectivos culturais e 25.000 para os deportivos, mentres os cartos que custa o goberno ascenden 42.000 euros e Félix Juncal destina 51.000 euros máis ao ano en gratificacións ao persoal do Concello que el decida, case o dobre que o ano pasado (de 63.400 a 114.500)”,
afirmou. Ademais, remarcou que as ANPAS deixarán de recibir un 20% dos cartos que tiñan até o de agora.

Así, a popular subliñou que “estes son só algúns exemplos dun orzamento que non representa as necesidades do municipio”, destacando que “cos 114.000 euros que Félix Juncal reparte entre os poucos traballadores que el quere –con algún recibindo máis de 1.000 euros de pluses todos e cada un dos meses–, poderíase desde contratar persoal para manter en bo estado o rural ou a policías, até fomentar o noso deporte, pero a realidade é que estamos instalados nun sistema no que o Alcalde reparte os cartos de todos nos seus intereses, en vez de que cheguen aos veciños de Bueu”. “É absurdo que os presupostos suban case 1.000.000 de euros en catro anos pero boa parte deses fondos vaian a pagar favores do alcalde, obras máis caras feitas a correr dous días antes das eleccións ou suplementos a dous ou tres traballadores municipais”, concluíu.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *