A Ruta foi presentada esta mañá no Concello.

No evento participan doce locais hostaleiros da vila que ofrecerán as súas
tapas entre o 10 e o 19 de setembro a un custe de 2.50 euros

Para os padais máis exquisitos e que gusten da gastronomía, a concellaría de promoción económica de Bueu organiza, en colaboración co FICBUEU, e a Asociación de Hostalaría da vila, a VI Ruta das Tapas Cinco Estrelas, na que participan un total de doce establecementos que ofrecerán as súas propostas culinarias entre o 10 e o 19 de setembro.

A iniciativa naceu hai seis anos co obxectivo de unir o cinema coa gastronomía durante a semana do festival, de aí que todos os pratos leven o nome dunha película, tal e como salientou Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo durante a presentación da iniciativa, na que estivo acompañada de Nerea Lores, representante do FICBUEU, e de Manuel Agulla, presidente da Asociación de Hostalaría. Carballo apuntou que “estamos encantados de realizar esta sinerxía co festival para que sigamos a gozar da nosa gastronomía”.

En total participarán trece locais hostaleiros que ofrecerán os seus petiscos gastronómicos a un custe de 2.50 euros. Poderán degustarse as tapas tanto ao mediodía como pola noite en Buena Vibra, Casa Quintela, Secretos del Mar, A Cepa, O Farol, Casa Benito, A Esmorga, Noite Tapas, Pyramis, Volver, Centro Social do Mar e O Ratiño Pequeno. Así, “teremos a posibilidade de coñecer a diversidade da nosa hostalaría, que é das mellores”, apuntou a edil nacionalista. Manuel Agulla, en representación do sector hostaleiro, destacou que “esta ruta consegue espertar o interese e a curiosidade”, e Nerea Lores, do FICBUEU, fixo fincapé na participación do público do festival que “está moi atento á relación entre o cinema e a gastronomía”.

Ademais, a clientela terá a posibilidade de gañar un dos tres vales de 50 € para consumir na hostalaría. As persoas que desexen participar neste sorteo deberán completar o selado das cinco estrelas do cupón, ao ir degustando as diferentes propostas, e entregalo no despacho de billetes do festival.

Toda a información sobre os locais participantes, os horarios e as tapas, poderase
consultar na web do Concello.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *