A ruta, coa que se estrea a quinta edición das Depoandainas, realizarase o domingo 9 de agosto
As Depoandainas volven con forza neste 2020 esgotando en apenas 24 horas as 200 prazas para a primeira das actividades, que será a Ruta dos Muíños da Fraga en Moaña. Amais de completar o límite de prazas para participar, a andaina programada pola Deputación de Pontevedra tamén encheu a lista de agarda prevista.
Esta primeira ruta levará o 9 de agosto aos e ás participantes ata o concello de Moaña para percorrer un itinerario circular de 9,7 quilómetros e dificultade media. Coas novas medidas de seguridade derivadas da Covid-19, os e as participantes deberán desprazarse ao punto de partida da ruta, onde se lles asignará un monitor ou monitora e serán repartidos en grupos reducidos, cun máximo de 25 persoas.
Outros percorridos pola provincia
Nesta quinta edición das Depoandainas a institución tamén ofrece outros dous percorridos cos que coñecer algúns dos enclaves máis emblemáticos da provincia. As camiñadas están dirixidas a todas as persoas independentemente da súa idade e contarán con 200 prazas cada unha. A segunda das rutas levarase a cabo o 30 de agosto e transcorrerá pola Fervenza de Callobre, no concello da Estrada. Para esta andaina, as inscricións abriranse o 10 de agosto
e o prazo pecharase o día 24 ás 12 horas. A derradeira camiñada será o 20 de setembro e levará ás e aos participantes pola Ruta do Val das Fadas, no concello da Cañiza. Neste caso, a apertura do prazo para anotarse comezará o 31 de agosto e pecharase o 14 de setembro ás 12 horas. Para poder realizarestas actividades será preciso inscribirse previamente no sitio web da institución.
As Depoandainas son un programa gratuíto da Deputación de Pontevedra que ten por obxectivo fomentar hábitos de vida saudable e a promoción do turismo, no marco do decidido compromiso da institución provincial co Medio Ambiente. Este verán as Depoandainas enmárcanse en “Vive Deporte”, unha iniciativa da institución provincial que ten programadas entre xullo e setembro unha trintena de rutas, andainas e actividades de orientación.