As cámaras de seguridade graváronas introducindo roupa nos bolsos e, mesmo, vese como unha saca na man un chaleco que «estivo a piques de levarllo posto», asegura a propietaria do establecemento
Xuntas, duns 40 anos, con total tranquilidade e actitude burlesca debido a que ata bailaban mentres cometían a súa fechoría. Así se comportaron as dúas mulleres que as cámaras de seguridade dunha tenda de roupa de Moaña gravaron roubando pezas a principios desta semana. Entraron no establecemento, escolleron o que lles gustaba, buscaron as tallas e, mesmo, probáronse para asegurarse de que quedaba ben. Despois, mentres que a empregada atendía a outra cliente, saíron pola porta (co chaleco no brazo) e perdéuselles a pista. Aínda que lle pareceron estrañas, ese momento a traballadora non se decatou de que lle faltaba mercadoría, foi cando necesitou dunha talla concreta que estaba segura que tiña cando se deu conta de que había máis pezas que non estaban. En total, un botín por valor duns 300 euros.
Ao revisar as gravacións das cámaras descubriu o ocorrido. Foi entón cando chamou á Policía Local de Moaña, que compareceu no lugar para supervisar as imaxes. Despois, a propietaria da tenda, Ana Buceta, presentou unha denuncia ante a Garda Civil, que se atopa investigando os feitos. Polo momento non teñen identificadas as autoras. «Estamos convencidas de que non era a primeira vez, actuaban con moita soltura», asegura Buceta, que ademais de poñelo en mans dos investigadores tamén fixo públicas as imaxes a través das redes sociais para advertir do ocorrido ao resto de establecementos. Iso si, pixelando primeiro as caras como esixe a lexislación vixente. E todo parece indicar que esta tenda non foi a única de Moaña á que accederon as dúas mulleres para levar o que lles gustou.
En principio trataríase dun roubo puntual xa que non se detectaron máis casos nin o Moaña nin no resto de municipios do Morrazo, segundo informa a Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (Fecimo) que se atopa ao tanto dos feitos xa que o establecemento téxtil é socio.